A actividade do rei das orquestras é, para Facenda, "un claro exemplo de economía somerxida"

Pontevedra
20 de abril 2017

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', foi xulgado ao cuarto intento por seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar   o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012. El acolleuse ao seu dereito a non declarar e gardou silencio, pero o seu avogado tachou de "falacia" as acusacións de economía somerxida

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia Mónica Patxot

Á cuarta foi a vencida. Tras tres suspensións e/ou adiamentos previos, o empresario Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', foi xulgado finalmente este xoves por seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE dos anos 2011 e 2012. O xuízo celebrado na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra permitiu analizar a actividade da empresa da que é administrador, Representacións Lito, da que os peritos da Axencia Tributaria aseguran que é "un claro exemplo de economía somerxida". 

Lito leva anos considerado o rei das verbenas de Galicia polo seu control da metade das empresas do sector e de orquestras como Panorama, París de Noia e Filadelfia e este xoves tal circunstancia acreditouse. Dous peritos da Axencia Tributaria levaron o peso da proba que presentan contra o acusado o fiscal de Delitos Económicos, Augusto Santaló, e o avogado do Estado e, durante dúas horas de declaración, aseguraron que "claramente" Lito levaba "o control do 60% do sector"

Fronte a estes peritos e á acusación, o acusado non achegou ningún argumento defensivo, senón que optou por acollerse ao seu dereito a non declarar e gardou silencio. O seu avogado pediu a súa absolución ao non ver delito nas súas actuacións e, ademais, considerou unha "falacia" que se trate de economía somerxida como sosteñen os inspectores, senón que o que sucede é que o groso das actividades que se moven no mundo das orquestras non xera IVE. Considera este letrado que "non corresponde a un tribunal penal -a Audiencia neste caso- determinar como debe tributar o sector das orquestras"

Os inspectores da Axencia Tributaria realizaron un rexistro nas oficinas centrais de Representacións Lito en novembro do ano 2013 e, cando chegaron e pediron a documentación, non daban crédito. Segundo explican, en ocasións, logran atopar ao contabilidade B das empresas, pero no seu caso o que atoparon foi un conxunto de datos extracontables que recollían cunha "precisión matemática" as contas na e en B de Lito e de 70 orquestras, da que levaba a representación, e, ademais, permitiulles descubrir que todo o que tiñan nas bases de datos da Axencia Tributaria e as cifras que figuraban no rexistro mercantil "eran pura ficción". 

A documentación dixital e en papel que recolleron con total colaboración do agora acusado é, ao seu xuízo, "a típica de alguén que leva un negocio que é opaco". Había facturas que confirmaban os datos que declarara oficialmente, pero descubriron que, en realidade, tan só supoñía o 8,3% do seu volume de negocio, o das actividades que contrataban con administracións públicas e comunidades de montes que si lles pedían factura.

Ao resto dos seus clientes, a maioría comisións de festas que contrataban as súas orquestras, non lle emitían factura, pero a actividade quedaba reflectida nas súas contas igualmente e  os inspectores puideron concluír que, pese que tan só declaraba uns ingresos medios de dous millóns de euros anuais, a realidade económica da empresa é que en 2011 ingresou 26.096.785 euros (fronte aos 2.160.422, 76 declarados) e en 2012 un total de 23. 973.409 (fronte a 1.997.967,39). Ademais, chaman a atención sobre o feito de que "ninguén puxo en cuestión" esas cantidades en todo o tempo que durou a instrución deste caso xudicial. 

Os peritos tamén concluíron que o acusado é a persoa que dirixe toda a actividade, é administrador legal da empreas e, ao mesmo tempo, é o que toma as decisións. Atribúenlle crear todo un armazón no que, a través dun grupo familiar de empresas, "vendía a actuación musical ao cliente e comprábaa ás orquestras", creando unha "situación monopolística" no sector. "O 60% do sector era reo, prisioneiro de Ángel Martínez Pérez", aseguran.

Os peritos da Axencia Tributaria tamén analizaron as relacións que tiña Lito cos axentes de zona que se repartían toda Galicia como intermediarios entre as orquestras e as comisións de festas. Segundo as súas conclusións, presentábanse como traballadores autónomos que cobraban unha comisión polas súas xestións, pero da documentación dedúcese que "traballan para Lito".

Precisamente, dous deses axentes pasaron pola sala durante o xuízo e negaron estas conclusións dos inspectores, asegurando que a eles pagábanlles as comisións de festas e non traballaban en exclusiva para o acusado, senón que ofrecían outras orquestras e artistas como axentes autónomos.

Os peritos de Facenda descartan que Lito fose un mero intermediario, pero si insistiron neste papel dous peritos de parte presentados pola defensa e tamén dous antigos traballadores de Espectáculos Lito, que insistiron en que "cobraba pola súa xestión de intermediación" entre as orquestras e os promotores das festas e levaba unha comisión.

As discrepancias entre a acusación e a defensa non só se cinguen a este papel dos axentes, senón que tamén afectan o papel das comisións de festas e a súa relación coas músicos. Os peritos da defensa incidiron en que as relacións laborais dos músicos réxense por unhas condicións especiais reguladas polo Real Decreto 14/35 de 1985 que obriga a que os organizadores da  festa contraten directamente aos músicos. Desta forma, Lito non paga ás orquestras, senón que as comisións páganlles directamente como un grupo de músicos que se xuntan para actuar e cobran de forma individual polo seu traballo. 

Os peritos da Axencia Tributaria sinalan que, con todo, a documentación extracontable reflicte que os músicos non cobraban por actuación, senón por unha especia de nómina, con pagos mensuais e xornais. 

O fiscal e a Avogacía do Estado piden que sexa condenado a 14 anos de prisón e o pago de 52,7 millóns de euros: unha multa de 21,6 millóns el, outra de 21,6 millóns a súa sociedade e a devolución ao Estado de 9,5 millóns de impostos defraudados durante os anos 2011 e 2012, pero, tras o xuízo, Augusto Santaló introduciu unha posible cualificación alternativa dos feitos para o caso de que o tribunal opte pola tese da defensa. 

Respecto diso, o avogado do acusado, Carlos Seoane, sostén que Lito debía pagar impostos polo 5% do total da actividade, pois é o diñeiro co que quedaba Lito en concepto de comisión. Tendo en conta estes datos, o fiscal reduce a súa petición de condena no relativo á fraude do IVE, pois defraudaría unha cantidade moi inferior, e tan só pediría 12 anos de prisión.