"A A-57 non é unha circunvalación, que non lle chamen así porque é mentira"

Pontevedra
30 de xaneiro 2015

A Casa das Campás acolleu este xoves unha concorrida xornada informativa sobre a autovía A-57

Ángel Bravo e Carlos Morgade nas xornadas informativas sobre a A-57 PontevedraViva

A Casa das Campás acolleu este xoves unha concorrida xornada informativa sobre a autovía A-57.

Nesta primeira cita, interveu o enxeñeiro técnico agrícola Ángel Bravo, autor do informe presentado por "Salvemos A Fracha" contra o estudo de impacto ambiental deste primeiro tramo da A-57.

Ángel Bravo centrou a súa exposición en argumentar que "a A-57 non é unha circunvalación, que non lle chamen así porque é mentira".

O enxeñeiro apoiouse en documentación oficial para explicar que o que se proxecta "é un corredor, sen entradas nin saídas e sen conectar ás parroquias polas que pasa".

Durante un animado coloquio que seguiu á súa exposición, Ángel Bravo cualificou de "irresponsabilidade" considerar unha partida económica nos presupostos "sen calendario nin prazos para os seguintes tramos", xa que a A-57 completa supón un trazado duns 64 quilómetros "e terá un custe estimado de mil millóns de euros".

O voceiro da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade, fixo fincapé no impacto negativo que terá esta infraestrutura sobre o rural pontevedrés, non só a nivel ecolóxico ou danando traídas de auga, senón contra unha forma de vida e unha cultura do rural. E afondou na falta de respecto e o gran descoñecemento existente sobre o rural.

Arquivado en