98,13 millóns para un orzamento municipal de 2025 que quere ser un "salto adiante" cara a unha "cidade verde"

Pontevedra
22 de novembro 2024
Actualizado: 16:14

A partir de agora, comezarán as conversacións coa oposición, previsiblemente desde a próxima semana. Serán "fundamentalmente" co PSOE, ao que o BNG ve como "socio prioritario"

Raimundo González presentando o orzamento municipal para 2025 Concello de Pontevedra

Até os 98,13 millóns de euros elevarase o orzamento municipal de Pontevedra para 2025. Así figura no borrador das contas para o próximo ano, que presentou este venres o responsable da área de economía e facenda, Raimundo González.

É un 3,69% máis que a cifra inicial do orzamento de 2024, que ascendía a 94,73 millóns, polo que González destacou que se trata das contas máis elevadas da historia, a pesar de que por undécimo ano consecutivo todas as taxas e impostos manteranse conxelados.

A maior parte do incremento orzamentario previsto será para os gastos correntes en bens e servizos que, por primeira vez, superarán os 50 millóns de euros (50,7 millóns), o que supón un 6,82% máis que en 2024, cando foron de 47,45 millóns.

Isto é debido, segundo o edil de facenda, polo maior custo do tratamento dos residuos, por máis partidas para o mantemento urbano ou polo convenio cos Premios Feroz.

A partida destinada a persoal tamén crecerá, no seu caso até os 29 millóns de euros, un 2,3% máis, pola actualización de trienios e pola creación de novas prazas.

O goberno municipal de Pontevedra subliña que estes orzamentos están deseñados para supor un "salto adiante" na transición ecolóxica do municipio e na loita contra o cambio climático, converténdose nunha "aposta clara" por unha cidade "máis verde".

"Queremos anticiparnos aos grandes retos que temos por diante", sinalou Raimundo González, sen deixar de lado a promoción da cidade, que será outro dos grandes eixos.

Así, gran parte dos 12,90 millóns de euros que se recollen en materia de investimentos directos irán para proxectos de renaturalización, entre eles o parque da Parda ou o destape do Gafos, ou para impulsar novos equipamentos como o pavillón de tenis de mesa en Monte Porreiro.

A débeda do Concello manterase estable, ao redor dos 7 millóns de euros, aínda que os intereses caerán por un repunte á baixa dos tipos e en 2025 suporán 343.000 euros.

As contas de 2025 tamén recollen un incremento no capítulo de transferencias correntes, é dicir as subvencións directas, que con 3,7 millóns de euros, aumentarán especialmente en materia deportiva e en transportes, tanto para o metropolitano como para o 'coche de punto'.

O responsable da facenda local avanzou que, a partir de agora, comezarán as conversacións coa oposición, previsiblemente desde a próxima semana, e que serán "fundamentalmente" co PSOE, ao que o BNG ve como "socio prioritario".

A pesar diso, González sostivo que o executivo local non vai a "desaproveitar" o que consideran que foi unha "man tendida" do PP para negociar, porque "queremos o mellor para Pontevedra e queremos que esta cidade conte cuns orzamentos para o ano que vén".