O tabaco produce cancro naqueles que fuman e tamén nos que respiran o fume do tabaco doutros. Ata 16 tipos de cancro están relacionados co tabaco, é o causante dun terzo de todos os casos de cancro e, con todo, nove de cada dez fumadores activos fuma en presenza de menores segundo revela o Estudo Espazos sen fume en España realizado polo Observatorio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
Segundo este estudo, case na totalidade de espazos públicos frecuentados por nenos hai restos de fume de tabaco no ambiente: no 95,1% das terrazas, no 78,2% das entradas a locais de hostalería, no 46% dos accesos aos centros escolares e no 41% dos parques infantís.
Diante dunha realidade na que apenas o 22% da poboación maior de 15 anos fuma e expón a ese fume ambiental ao 78% restante, e que sitúa aos menores nunha situación de extrema vulnerabilidade, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) reclama unha ampliación da normativa antitabaco vixente para liberar de fume de tabaco aqueles espazos públicos onde sexa frecuente a presenza de menores.
Distintos centros e Asociacións de Pais e Nais de Pontevedra sumaron os seus esforzos a esta campaña colaborando en diversas actuacións.
Nos centros de educación, o alumnado de primeiro e segundo ciclo de primaria recibiron un orixinal cartel para colorear, cunha mensaxe para concienciar ás súas familias: "Mamás, papás: queremos respirar".
Ademais voluntarios da AECC repartiron información e carteis na saída dos colexios: CEIP Praza de Barcelos, Colexio Plurilingüe Calasancias, CEP Campolongo, Colexio Doroteas, Froebel, Álvarez Limeses, Sagrado Corazón, Colexio San José en Pontevedra e no Colexio de Chancelas en Poio.
No caso das AMPAS referendaron esta iniciativa sumándose á demanda da AECC da necesidade de modificar a actual Lei Antitabaco de 2010. Para iso, remitiron unha carta ao Ministerio de Sanidade solicitando a ampliación da lei co obxecto de protexer aínda máis á menores fronte ao tabaco e conseguir, así, unha Xeración Libre do Tabaco para o ano 2030.
BARES, CAFETERÍAS E RESTAURANTES
Co obxectivo de concienciar á poboación da necesidade de ampliar os espazos sen fume, desde a AECC Pontevedra quíxose involucrar aos locais de hostalería de toda a cidade, para que coloquen nas súas mesas e interiores adhesivos e carteis para indicar que son lugares "libres do fume do tabaco".
Todas estas actuacións desenvolveranse conxuntamente nas Xuntas Locais da AECC no Grove, , Caldas de Reis, Marín, Bueu, Vilagarcía de Arousa e Sanxenxo, entre outras.
A proposta lanzada desde a AECC expón a extensión dos espazos sen fume de tabaco a todos os espazos públicos ao aire libre nos que poida haber menores: as terrazas, instalacións deportivas, praias, etc, incrementando, desta maneira, a protección da saúde dos menores.