76% de ocupación media en Sanxenxo durante o mes de xullo

Sanxenxo
31 de xullo 2022

Segundo os datos facilitados polo Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), mellora en dous puntos a media de ocupación do conxunto dos establecementos respecto ao mesmo período no ano 2019, consolidando a recuperación do sector

Paseo de Silgar en Sanxenxo Mónica Patxot

A enquisa de ocupación durante o mes de xullo realizada entre os establecementos asociados do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) ofrece resultados satisfactorios para o sector, que confirma a recuperación con porcentaxes de ocupación similares aos previos á pandemia.

A ocupación media establécese nun 76%, dous puntos por encima dos rexistrados durante 2019, ano en que se logrou un récord de ocupación, segundo indican desde o CETS. A cifra supera en cinco puntos ao mes de xullo de 2021. 

O segmento de apartamentos e os hoteis son os que ofrecen os mellores datos, cunha media de 83% e 76% de ocupación, respectivamente. A porcentaxe é maior no caso dos hoteis de catro estrelas, que obtiveron un 80%. Pola contra, os cámpings atópanse nun 67%.

Alfonso Martínez, presidente do CETS, entende que estes resultados consolidan a Sanxenxo como destino turístico de referencia no noroeste peninsula e mostra o "gran traballo" realizado polos profesionais do sector turístico do municipio. Lembra que o mes de xullo foi "atípico" ao presentar altibaixos, dificultades para cubrir a demanda de persoal e debido ás subidas xeneralizadas de prezos que apenas repercutiu nas ofertas realizadas polos establecementos turísticos. Segundo indica esta subida de prezos xeral provocou estancias máis curtas e menos gasto turístico.

O máximo representante do CETS espera que os datos melloren durante o mes de agosto sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables e "non se incremente a inestabilidade política e económica", afirma Alfonso Martínez.