60 voluntarios seguen "acolchando" os montes queimados de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
05 de novembro 2017

O operativo, organizado polo Concello por segundo sábado consecutivo, centrouse desta volta en esparexer palla en distintos lugares de Chaín, Regodobargo, Parada e Taboadelo.

Voluntarios esparexen palla nos montes queimados en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

60 voluntarios volveron participar este sábado nos traballos de tratamento de palla e materia vexetal triturada para espallar nas zonas de monte que arderon no mes de outubro en Ponte Caldelas. O operativo centrouse nas zonas máis próximas aos mananciais das traídas de augas veciñais. O Concello, que xa organizara unha xornada similar sete días antes, estableceu a actividade en lugares como Chaín, Regodobargo, Parada e Taboadelo.

Distintos concelleiros do goberno local tripartito e o alcalde Andrés Díaz participaron nestes traballos durante toda a mañá e repartíronse 7 toneladas de material que quedaran sen esparexer durante a semana anterior. O Concello adquirira 30 toneladas de palla a un subministrador de Castela e ademais contaba con 10 toneladas de estructurante vexetal.

Nesta ocasión, uníronse ao grupo seis persoas procedentes de Alemaña, Chequia, Inglaterra, Dinamarca e Polonia. Todos os participantes gozaron ao terminar a tarefa de bocadillos e bebidas cedidos por un supermercado local, que se solidariza con este labor.

Ao longo dos próximos días, os técnicos forestais supervisarán toda a área e decidirán se é necesario acometer novas accións. Ata o momento cubríronse 20 hectáreas co manto vexetal que reduce a erosión por arrastre das cinzas. Os técnicos consideran que só é preciso tratar ao redor do 10% da superficie afectada polos incendios.

O pasado día 15 de outubro en Ponte Caldelas arderon 2.900 hectáreas de terreo.

Arquivado en