50 persoas permanecen ingresadas con covid na área sanitaria neste mes de agosto

Pontevedra
03 de agosto 2022

Dous pacientes son atendidos na Unidade de Coidados Críticos e 48 en plantas de hospitalización. Desde o inicio da pandemia faleceron 331 persoas por esta enfermidade nos distritos de Pontevedra e O Salnés

Datos covid neste 3 de agosto de 2022 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Este mércores 3 de agosto, o Sergas comunica a presenza de 50 persoas ingresadas nos hospitais de Pontevedra e O Salnés, diagnosticados con covid-19. 48 pacientes atópanse en planta; 43 en Montecelo; catro no Hospital do Salnés e unha no Hospital Quirón Saúde de Pontevedra. Ademais, dous pacientes con covid son atendidos na unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

A estes casos súmanse 278 persoas que evolucionan da enfermidade nos seus domicilios. En total, son 328 casos activos na área sanitaria, un máis que na xornada do martes.

A cifra de falecementos ascende a 331 persoas desde que comezaron a comunicarse os datos de mortes con coronavirus nos distritos de Pontevedra e O Salnés. En Galicia o número de decesos atópase en 3.837 vítimas. Curáronse da enfermidade pandémica na área un total de 75.467 persoas, 38 máis que na xornada de onte.

Realizáronse 107 probas PCR nas últimas 24 horas co resultado de 42 novos positivos, segundo os datos que ofece a Consellería de Sanidade.