O 5 de decembro acenderase o alumeado de Nadal en Marín

Marín
11 de outubro 2024

As rúas e prazas da vila xa lucirán coa estampa típica deste período do ano antes da ponte de decembro. A adxudicación realizouse a Tecmodeco por 100.430 euros

Acendido do alumeado de Nadal en Marín 2021 Concello de Marín

A Xunta de Goberno Local do Concello de Marín acordou adxudicar a Tecmodeco por 100.430 euros o contrato para a instalación do alumeado de Nadal.

O xoves 5 de decembro é o día elixido para acender o alumeado, que se estenderá polas rúas e prazas da vila, tratando de dotar a Marín do ambiente festivo típico desta época do ano.

Desde a Concellaría de Festas, explican que na licitación primáronse os criterios de sostibilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético e alto valor estético, esixindo que o alumeado proposto estivera composto, cando menos, dun 80% de tecnoloxía LED.

No que respecta á estética, os elementos deberán ser modernos e harmónicos entre sí, tanto no seu despregue nas rúas e prazas como no ámbito cromático.

Á licitación presentáronse dúas empresas, sendo a de Tecmodeco a máis vantaxosa para os intereses municipais, segundo expuxo a Mesa de Contratación.

Ademais destas características técnicas e estéticas, tamén se regula todo o que ten que ver coa montaxe e desmonte das instalacións e o mantemento de todos os elementos durante a tempada de Nadal.