Proporcionar unha maior información ao visitante sobre o patrimonio histórico de Salcedo. ÿ o principal obxectivo dos traballos de sinalización que o Concello de Pontevedra puxo en marcha no ámbito do río Tomeza. Trátase, recordou Luis Bará, da "milla de ouro" do patrimonio rural pontevedrés, debido á presenza na zona de "valiosos" elementos arquitectónicos, históricos ou culturais "que merece a pena preservar".
En total, investiranse 34.969 euros. A empresa adxudicataria destes traballos foi Ronsel Loxística e Proxectos, SL.
Consisten en instalar sinais e balizas para que as persoas que percorran toda esta zona, conten cunha información completa e detallada sobre o patrimonio etnográfico da parroquia.
Serán en total 27 paneis de aceiro galvanizado, de 1,45 metros de alto por 1 metro de ancho. Os textos estarán imprimidos en vinilo adhesivo e terán unha lámina de protección resistente ás condicións meteorolóxicas. Ademais, colocaranse 66 balizas de 1,30 metros de alto e 25 centímetros de alto. Estas últimas servirán para indicar o percorrido de toda esta ruta. Todos estes elementos terán unha garantía de cinco anos.
En concreto, sinalizarase o río Tomeza, a vía romana XIX e o Camiño de Santiago, a Misión Biógica de Galicia, os conxuntos rupestres, o castro das Croas, os muíños do Batán, o patrimonio eclesiástico, o castro de Matalobos ou os elementos do movemento agrario.
Esta actuación forma parte dun proxecto global para poñer en valor, recuperar e dinamizar todo este ámbito de gran valor patrimonial, que inclúe tamén un mapa guía, unha audioguía e unha web. En total, conta cun presuposto de 166.000 euros, dos cales 56.000 proceden dos fondos LEADER da Unión Europea.