A Policía Local de Poio denunciou durante a pasada fin de semana un total de 31 persoas, por incumprimento das restricións vixentes contra a expansión da pandemia da covid-19.
Segundo sinala o corpo de seguridade, 16 destas infraccións tiveron que ver con reunións e encontros de persoas non convivintes nas que se superou o número máximo permitido na actualidade (catro).
Ademais, tamén se tramitaron outras 14 denuncias polo uso indebido da máscara. A maiores, foi multada unha persoa de Vigo que tratou de acceder ao municipio, saltándose o peche perimetral que permaneceu vixente ata a noite do pasado domingo, que impedía a libre circulación entre concellos pertencentes a áreas sanitarias diferentes, salvo coa pertinente xustificación.
Estas actuacións contrastan notablemente coa actitude exemplar amosada polos profesionais do sector da hostalería. Os axentes municipais levaron a cabo durante os últimos días un total de 25 inspeccións, para corroborar que os locais se adaptaban ás restricións no que se refire ao aforo de terrazas, peche interior ou cumprimento de horario.
Non se tramitou ningunha infracción neste eido. Tan só se detectaron pequenas incidencias que volverán ser inspeccionadas. Este feito que foi louvado desde o corpo policial e a Concellería de Seguridade Cidadá, que salienta o esforzo que están realizando os profesionais para adaptarse ás medidas aplicadas pola Xunta de Galicia.
A Policía Local realiza dúas inspeccións semanais, tal e como decretou a Administración autonómica para concellos con menos de 20.000 habitantes, ademais de manter unha canle directa co tecido hostaleiro para solucionar calquera tipo de dúbida vencellada ás restricións.
Aínda que a evolución nas últimas semanas é boa, o Concello de Poio entende que non se debe caer en relaxacións que poidan provocar un repunte de contaxios. Neste sentido, a incidencia acumulada a 14 días no municipio é de 134 casos por 100.000 habitantes, ao detectárense 23 positivos nas dúas últimas semanas. A sete días, a tendencia é de 76 (13 casos).