3 de decembro, Día internacional da discapacidade; punto e seguido para o programa Hefesto

Pontevedra
26 de novembro 2014

Será cun festival que terá lugar o vindeiro 3 de decembro, a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal. Nel participarán todas as asociacións vinculadas con este programa

Adestramento de atletas con discapacidade que participarán na carreira PonteNoite 5+5 Mónica Patxot

O programa Hefesto 2014, unha intervención innovadora e atractiva no ámbito da discapacidade que pretende ser un espazo inclusivo e aberto a novas experiencias, rematará coa celebración do Día internacional da discapacidade. Será cun festival que terá lugar o vindeiro 3 de decembro, a partir das 20.00 horas, no Teatro Principal. Nel participarán todas as asociacións vinculadas con este programa.

Durante o mesmo presentarase un audiovisual que, ao igual que no ano anterior, fará un repaso a todas as actividades organizadas durante 2014 que, desta vez, tiveron un acento especial no ámbito do deporte. A súa perspectiva será, segundo Carme Fouces, a de "darlle voz aos mozos e mozas" das asociacións Amizade, Down-Pontevedra Xuntos, Juan XXIII, Alba Amencer Aspace, Aspace-Galicia e a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra.

Precisamente a idea de darlle voz ás persoas con discapacidade será un dos aspectos máis importantes a seguir no Hefesto 2015, do que polo momento non se quixeron dar máis detalles.

O documental subirase a Youtube o luns 8 de decembro ás 9.00 horas da mañá, xa que recompilará imaxes dos momentos máis importantes do Teatro Principal.

Ademais, ese mesmo día 3 de decembro, a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra organizará dúas actividades complementarias na Biblioteca Pública da cidade. A primeira será un contacontos de 17.30 a 18.30 horas dirixido a nenos e nenas de Pontevedra e a segunda unha campaña de sensibilización cara a discapacidade auditiva para nenos e adultos, de 18.30 a 19.30 horas. Ambas as dúas contarán con intérprete en lingua de signos.