Durante dous días, a Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra acolle un total de 27 talleres de formación destinados a máis de 450 estudantes de primaria, secundaria e formación profesional, pertencentes a catorce colexios e institutos, que participan nunha nova edición de Pontenciencia, a Feira da Miniciencia.
A xornada deste venres arrancaba coa defensa do primeiras once investigacións que optan aos premios da categoría Ciencia no cole.
Entre as propostas figura unha análise sobre os efectos que a flora exótica invasora provoca na vexetación do Galicia, realizada por estudantes do CEIP Santo André de Xeve; un estudo sobre a presenza de bacterias nas moedas de uso común, do CEIP de Ponte Sampaio; e a investigación sobre óptica e cámaras escuras, de alumnado do colexio Vidal Portela.
Durante este venres preséntanse 22 estudos dos centros educativos participantes, entre mañá e tarde, e ao longo do sábado presentaranse sete proxectos máis defendidos por familias. Un xurado formado por persoal investigador da Universidade de Vigo e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) encargarase de seleccionar as propostas gañadoras.
Durante este venres, Eva Vilaverde, tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, e Demetrio Gómez, concelleiro de Educación; ademais de Eva María Lantarón, vicerreitora do campus, e José Manuel Casas, secretario da EE Forestal, percorrían os postos dos centros de estudo e destacaban este evento como unha iniciativa importante para espertar o interese entre o alumnado pola investigación científica.
O sábado continúa a programación con propostas abertas a toda a cidadanía e talleres da Universidade de Vigo sobre as aplicacións das matemáticas, unha actividade sobre lentes de realidade virtual, outra sobre descontaminación das augas; e diversas propostas sobre pintar con luz, xogar a un xadrez nun taboleiro xigante, entre outras.
Pontenciencia está promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, co apoio, entre outras institucións, da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.