28M | Un espazo de innovación culinaria, enoturismo ou un campeonato de kitesurf, no plan de turismo do PP de Poio

Poio
25 de maio 2023

O candidato popular Ángel Moldes presentou a hostaleiros, restauradores, colectivos e veciños o seu plan "Poio Único" baseado no turismo gastronómico, deportivo, natural e o Camiño de Santiago

O candidato do PP á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou o plan de turismo "Poio Único" PP de Poio

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Poio, Ángel Moldes, presentou este xoves o plan de turismo "Poio Único", baseado na gastronomía, no deporte, no medio ambiente e no Camiño de Santiago. 

Moldes explicou o seu programa durante un almorzo no que participaron máis de cen asistentes, entre hostaleiros, restauradores, colectivos e veciños, e no que tamén estiveron o xefe da área de turismo de Pontevedra, Felipe Ferrero, o presidente do consorcio de Turismo de Sanxenxo, Alfonso Martínez, a deputada autonómica Lupe Murillo, así como a directora de Urbanismo do Goberno galego, Encarna Rivas.

Moldes destacou a importancia que ten o turismo para Poio, e por iso di que é fundamental contar cun "proxecto á altura do sector", co que pretenden acadar un "turismo de calidade e sostible, respectuoso coa contorna e buscando a convivencia entre veciños e visitantes", así como desestacionalizar o sector, con propostas que perseguen "atraer turistas durante todo o ano e non exclusivamente en tempada alta".

Unha das novidades no eido do turismo gastronómico que subliñou Moldes é "a creación dun laboratorio que sexa un espazo de innovación culinaria, formación e asesoramento gratuíto para os profesionais".

Tamén aposta por elaborar unha "estratexia de enoturismo", cun turismo sostible baseado nos recursos propios e que poña en valor a IXP Ribeiras do Morrazo.

Tamén propoñen poñer en valor a Festa da Ameixa, para que logre a dinamizar o sector e promocionar o produto; volver ás orixes da Festa do Mar, "que é o que reclaman os veciños"; organizar un concurso de tapas en todo o concello; así como "dotar Poio de equipamentos e infraestruturas importantes, como por exemplo aparcamentos".

No eido do turismo deportivo, aposta polo deporte náutico e de costa, con certames como o campionato internacional de kitesurf, "que suporía un atractivo diferente e de excelencia para facer de Poio un lugar único", así como o festival internacional en Lourido.

Con respecto ao Camiño de Santiago, que segundo Moldes é "o maior produto que ofrece Galicia para desestacionalizar e que cada ano suma numerosos peregrinos", inclúen unhas xornadas de apoio a proxectos de emprendemento no Camiño e dotación de servizos.

E, por último, no eido do turismo natural, aposta por potenciar as sendas existentes e crear novos espazos, entre Pontevedra e Lourido, da Seca a Combarro ou o Roteiro do Río Mouro, que "vai dinamizar toda a parroquia de San Xoán e vaise converter unha alternativa importante ao turismo de sol e praia".