28M | O PP de Marín propón as humanizacións de Serafín Tubío e Jaime Janer

Marín
12 de maio 2023

A alcaldesa María Ramallo aspira, se sae reelixida, a continuar coa reforma urbana iniciada no presente mandato actuando nunha decena de rúas  

Proxecto de humanización da rúa Serafín Tubío Concello de Marín

Nos últimos catro anos de Goberno, levouse en Marín un “ritmo imparable” no que ten que ver coa mellora urbana. Así o entende a candidata á reelección, María Ramallo, que anuncia cales serán as rúas que se beneficiarán desta política urbanística centrada na humanización de cara ao próximo mandato.

Unha delas será Jaime Janer, “unha das zonas que concentra maior tráfico peonil e rodado, unha rúa céntrica, que a día de hoxe precisa dunha reformulación e na que conflúen moitos activos: comercios de proximidade, o Centro de Saúde ou a barriada de Virxe do Carme”.

O proxecto que plantexa María Ramallo para esta rúa consiste nun ancheamento das beirarrúas, a remodelación do firme, renovación de servizos e medidas de calmado do tráfico. Pero ademais, explica a actual alcaldesa, "temos unha actuación paralela que tamén mellorará toda a zona”, que é a humanización de Francisco Landín Pazos.

“Esta rúa é a que dá acceso ao Centro de Saúde e cremos que debe ser de dirección única para poder gañar metros de beirarrúas para os peóns e mellorar o seu pavimento e os espazos que se destinan a estacionamento na mesma”, explica a candidata popular.

Outra das grandes transformacións que propón o PP de Marín para os próximos anos é a peonalización de Serafín Tubío, a rúa colindante á Praza de Abastos de Marín e na que se coloca parte do mercadiño, que sempre está chea de vida e que ten un enorme potencial hosteleiro, comercial e de desfrute.

“Queremos gañar todo ese espazo para a veciñanza. Sabemos que é un lugar que ten moitas posibilidades e por iso forma parte das nosas prioridades na seguinte fase de humanizacións”, explica Ramallo.

A maiores, na lista de rúas nas que actuar figuran: A Rúa da Ponte, unha das vías máis comerciais da vila, que precisa dun ancheamento das beirarrúas e a renovación dos servizos.  O tramo de Concepción Arenal desde a Rúada Estrada ata a rotonda das Anclas, continuando coa espectacular transformación que experimentou o outro tramo desta rúa no actual mandato.  A Rúa do Forte, que entra dentro dos plans que ten o PP para desenvolver os máis de 2 millóns de euros conseguidos neste mandato a través do Plan de Sostibilidade Turística, e que se unirá de forma máis humanizada co inicio do Vial de Praias. A Rúa Tiro Naval Janer, que se atopa nese corazón aínda con moitas posibilidades de mellora que entronca coa Lameiriña e a propia Rúa da Ponte.

A Rúa Mestre Landín, a Rúa do Souto, a Rúa Dr. Touriño e a Rúa República Argentina, xunto a cal hai pouco se abriu un novo vial, reordenando todo ese espazo urbano cercano a Inferniño, que tamén se beneficiou dunha humanización que lle cambiou totalmente o seu aspecto

“O urbanismo do presente facémolo pensando na vila que queremos para o futuro e por iso temos toda esta folla de ruta trazada, que aspiramos a poder desenvolver nos próximos catro anos”, remata a candidata popular.