28M | O BNG quere que o centro de saúde de Anafáns sexa un centro de día para maiores

Poio
22 de maio 2023

A candidata nacionalista, xunto con parte do equipo do BNG de Poio presentou esta proposta do seu programa para as eleccións municipais deste domingo 28

O BNG quere que o edificio do Centro de Saúde de Anafáns sexa un Centro de Día para maiores BNG de Poio

A candidadata do BNG á Alcaldía de Poio, Marga Caldas expuxo a súa proposta de situar en Anafáns un centro de día.

"É necesario que actualicemos os nosos servizos, e a aposta do BNG é que teñamos un centro de día público para os nosos maiores", indicou Marga Caldas.

Este é o uso para este edificio municipal polo que aposta o Bloque para os vindeiros anos, "cando se constrúa o novo centro de saúde na Canteira de Graña" e Anafáns quede libre para outras funcionalidades.

Segundo Marga Caldas é un "equipamento vital" para calquera concello contar cun centro de día para a terceira idade, un servizo "básico".

O Concello de Poio vai investir 220.000 euros na reforma e rehabilitación do entorno de Anafáns (ampliación do vial, dotación de prazas de aparcamento e novo mobiliario) que permitirá que no futuro o centro de día conte cos servizos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

"No vindeiro mandato conseguiremos levar a Poio ao seguinte nivel, continuando co proxecto iniciado polo BNG no ano 1995, e pensado para as seguintes décadas", finalizou a candidata nacionalista.