28M | Moldes pide contratar un minibús para que poidan votar os veciños de Combarro

Poio
22 de maio 2023

O colexio electoral no que votaban os veciños de Combarro cambiouse para o CEIP Chancelas e, ante a dificultade para chegar andando ata el, o PP vén de solicitar ao Concello que contrate un minibús para facilitar o desprazamento dos votantes

Combarro Mónica Patxot

O colexio electoral no que votaban os veciños de Combarro cambiouse para o CEIP Chancelas e, ante a dificultade para chegar andando ata el, o PP vén de solicitar ao Concello que contrate un minibús para facilitar o desprazamento dos votantes.

Ángel Moldes sostén que moitos veciños que residen no conxunto histórico e na súa contorna teñen problemas para poder achegarse ata alí, principalmente no caso de persoas maiores, porque, ademais, non existe ningunha zona segura para chegar a pé ata o centro escolar.

O candidato popular entende que se debe contratar un minibús para facer o domingo unha liña regular desde A Chousa a Chancelas e garantir que todas as persoas que queiran participar non teñan que renunciar ao seu voto por non ter forma de desprazarse ata o colexio electoral. 

Moldes recorda que hai anos que xa se habilitou un minibús na parroquia de San Xoán para trasladar aos veciños ao colexio Isidora Riestra.

Por iso, o PP pide que se faga o mesmo para Combarro porque ao cambiar o colexio electoral o Concello de Poio "ten que garantir que os veciños e as veciñas de Combarro poidan participar nas eleccións do domingo".