28M | Marga Caldas, candidata do BNG, visita Distribuciones Froiz para exemplificar o dinamismo económico en Poio

Poio
16 de maio 2023

 Este martes, Marga Caldas visitou o lugar de traballo de Froiz en Lourido, onde expuxo as súas propostas para a xeración de emprego e unha maior promoción económica do concello.

Marga Caldas, candidata do BNG, en Distribuciones Froiz BNG

Marga Caldas, candidata do BNG á alcaldía, visitaba este martes o lugar de traballo de Froiz en Lourido. Alí a representante nacionalista expuxo as súas propostas para crear emprego e unha maior promoción económica no Concello de Poio.

Acompañada por outros integrantes da lista do BNG, Marga Caldas foi recibida por José Froiz e parte do seu equipo de traballo para, a continuación realizar unha visita polas instalacións comprobando os sistemas de traballo do centro situado en Lourido.

Caldas afirmou que Poio é un centro xerador de emprego, xa que os últimos estudos sinalan que "contamos con máis persoas afiliadas á seguridade social por empresas deste concello que residentes no mesmo". 

Froiz dá emprego a 507 persoas no municipio, entre oficinas, almacén e tendas. Marga Caldas considera que o futuro económico do Concello pasa polo asentamento de empresas destas características no municipio. Para este labor entende que é "fundamental" activar o polígono de Fragamoreira, poñendo ao dispor chan industrial e comercial co obxectivo de crear 2.000 postos de traballo.

Lembrou que a Xunta é a administración que conta coas competencias de industria e a candidata comprométese a realizar un estudo de viabilidade para poñer en marcha o polígono de Fratamoreira, aínda que sexa a través de mecanismos como incentivos fiscais ou a través dunha empresa pública que xestione este espazo e ocupar o 30% dos terreos, desbloqueando a súa situación actual.