27 casos positivos no gromo da área de Oncoloxía: 10 pacientes, 9 profesionais sanitarios e 8 familiares

Pontevedra
23 de outubro 2020

Miguel Álvarez Deza, xefe do servizo de Alertas Epidemiolóxicas da xefatura territorial de Sanidade en Pontevedra, confirma a realización de cribados entre todo o persoal hospitalario e insiste en evitar as xuntanzas familiares, principal foco de propagación da enfermidade na área sanitaria durante as últimas semanas

Test PCR realizados no Hospital Provincial Mónica Patxot

Este venres 23 de outubro, a cifra de casos positivos derivados do contaxio iniciado no servizo de Oncoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra establécese en 27 persoas afectadas. Trátase de dez pacientes, nove profesionais sanitarios e oito persoas conviventes.

Esta situación provocou o peche de  Onco II no Hospital Provincial para levar a cabo os labores de desinfección a fondo nesta área do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP). Os pacientes, segundo a Xerencia da área sanitaria, foron trasladados á Unidade de covid-19 no Hospital Montecelo para o seu tratamento.

Miguel Álvarez Deza, xefe do servizo de Alertas Epidemiolóxicas da xefatura territorial de Sanidade en Pontevedra, confirmaba este venres que se está levando a cabo un cribado a través de probas PCR entre todo o persoal do Hospital Provincial, tanto sanitarios como persoal administrativo de diferentes departamentos deste centro hospitalario, ademais de pacientes.

O xefe de Alertas Epidemiolóxicas indicou que, polo momento, non hai constancia de que o contaxio afecte a outros servizos sanitarios que se ofrecen neste edificio situado no centro da cidade.

Álvarez Deza, en declaracións a Susana Ares na Radio Galega, tamén alertou de que existen 32 gromos nesta área sanitaria relacionados con encontros familiares e lembrou a necesidade de evitar estas reunións masivas na contorna familiar. Sinala que neste tipo de actividades é onde se están desenvolvendo agora a maioría de  contagios pola relaxación das medidas de seguridade sanitaria que se detecta nestas situacións. 

O PSOE RECLAMA UNHA INSPECCIÓN SOBRE A DESINFECCIÓN EN MONTECELO

Pola súa banda, a parlamentaria socialista Paloma Castro presentou varias iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta de Galicia que realice unha inspección sobre o cumprimento dos protocolos covid no Hospital Montecelo.

Solicita o reforzo de medidas de limpeza e desinfección no centro ante este brote de infeccións.  Denuncia, ademais, a falta de coordinación coa que se está actuando desde a Xerencia do CHUP con actuacións "intolerables" por parte de Medicina Preventiva, que están a poñer en risco tanto ao persoal sanitario como aos pacientes.

Paloma Castro lembra a información de PontevedraViva sobre o caso da enfermeira que se puxo en contacto con Medicina Preventiva, onde lle responderon que "non fixese caso, que había moito falso positivo". Ante estas situacións, reclama á Xunta que pida explicacións á  Xerencia da área sanitaria.