25N | "O crecente aumento de agresións que vivimos tras o estado de alarma obríganos a seguir traballando"

Pontevedra
25 de novembro 2021
Actualizado: 18:19

As violencias machistas, como "unha das violacións dos dereitos humanos máis persistentes" en todo o mundo, merecen unha loita transversal por parte das institucións públicas. Así o sostivo este xoves, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a subdelegada do Goberno en Pontevedra 

Acto institucional na Subdelegación do Goberno polo 25N 2021 Mónica Patxot

As violencias machistas, como "unha das violacións dos dereitos humanos máis persistentes" en todo o mundo, merecen unha loita transversal por parte das institucións públicas. Así o sostivo este xoves, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. 

Co gallo deste 25N, a sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu un acto institucional no que se gardou un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas da violencia machista e a continuación a escritora Inma López Silva procedeu á lectura da declaración institucional do Goberno con motivo desta data. 

Despois de lembrar con silencio ás vítimas, Larriba fixo un repaso pola situación actual da violencia machista na provincia, onde hai 1.235 mulleres vítimas dentro do sistema integral de seguimento de vítimas de violencia de xénero (VioGén).

A situación dos menores tamén é complicada e hai na provincia 489 que viven en fogares marcados pola violencia. Para a subdelegada, ademais, o dato "máis grave" é que 15 vítimas e 4 agresores son menores de 18 anos.

Detívose tamén na situación de pandemia e a súa influencia na violencia sobre as mulleres. Así, sinalou que "o recordo das 37 vítimas mortais no que vai de ano e o crecente aumento de agresións que vivimos tras o estado de alarma obrígannos a seguir traballando arreo". 

A esta situación derivada da pandemia tamén fixo referencia a declaración institucional aprobada polo Consello de Ministros, que fala dun repunte de asasinatos de mulleres no ámbito da violencia machista en parella ou ex parella producidos a partir da finalización do estado de alarma o 9 de maio de 2021 e lembra que a Organización de Nacións Unidas alertou do alarmante crecemento de violencia contra mulleres e nenas durante a crise sanitaria e instou os Estados a poñer en práctica todas as medidas necesarias para garantir a prevención e a protección contra a violencia de xénero no marco da pandemia.

O acto contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a deputada de Igualdade, María Victoria Alonso; o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda; o comandante da Garda Civil Óscar Graña; o inspector xefe da Policía Nacional Luis Ortiz; o inspector responsable do grupo de VioGén da Policía Local de Pontevedra, José Ángel Ruibal; e os responsables de violencia de xénero da Unidade da Policía Adscrita (UPA) na provincia, Carlos García Blanco e María Jesús Pires Juncal. 

Tamén estivo representada a prisión da Lama, neste caso, a través de camisetas que vestiron varias das presentes, entre elas, a responsable da unidade de violencia de xénero da Subdelegación, Manuela Vilaboy. Trátase de pezas debuxadas polas internas do penal pontevedrés con motivo do 25N. 

Inma López Silva, coñecida pola súa militancia feminista, deu lectura á declaración institucional, na que o Goberno recoñece que a loita contra a violencia machista é unha política central na consecución dun "país máis xusto, libre e igualitario", e envía unha mensaxe de recoñecemento e homenaxe a todas as mulleres, nenas e nenos vítimas da violencia machista "que xa non están entre nós".

Durante a mañá deste xoves tamén se sumaron aos actos contra a violencia sobre as mulleres outras institucións como o Concello e a Deputación de Pontevedra, na praza da Peregrina; e a Xunta de Galicia, ante a súa delegación en Benito Corbal. Ademais, saíron á rúa os sindicatos. UGT e CC.OO. concentráronse ás portas do edificio sindical de Pasantería e CIG ante a Subdelegación do Goberno.