25N | O 7,5% das vítimas de violencia machista que acoden ao CIM de Vilagarcía son menores de 24 anos

O Salnés
25 de novembro 2023

Entre xaneiro e novembro de 2023, o Centro de Información á Muller (CIM) de Vilagarcía atendeu 132 vítimas de violencia machista, un punto porcentual máis que en 2022. Delas, 74 nunca antes acudira ao centro. En Vilagarcía hai 67 ordes de protección activas e 12 mulleres teñen o dispositivo de teleasistencia móbil (TAM)

Actos do 25N en Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

Entre xaneiro e novembro de 2023, o Centro de Información á Muller (CIM) de Vilagarcía atendeu 132 vítimas de violencia machista, un punto porcentual máis que en 2022. Delas, 74 nunca antes acudira ao centro e o 7,5% teñen menos de 24 anos. 

O CIM fixo balance do servizo con motivo do 25N-Día Mundial para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este sábado terá un acto central na Praza de Galicia a partir das 12 do mediodía. Haberá unha concentración cidadá na que se dará lectura ao manifesto redactado polo Consello Local da Muller e aprobado polo Pleno da Corporación Municipal.

En canto aos datos do CIM, mantense unha presenza alta de mulleres vítimas no grupo de menores de 24 anos, xa que representan o 7,5% do total de casos atendidos polo CIM. Malia isto, tamén cómpre sinalar que, a diferenza do ano anterior, o centro non rexistrou ningún caso de maltrato machista a rapazas menores de 15 anos.

A gran maioría das mulleres atendidas por causa de violencia teñen fillos ou fillas: o 83,76% ten entre un e dous descendentes ao seu cargo, e o 11,56% tres ou máis.

Neste momento en Vilagarcía hai 67 ordes de protección activas e 12 mulleres teñen o dispositivo de teleasistencia móbil (TAM) xestionado a través dun Convenio entre a Cruz Vermella e a Femp.

O CIM realizou este ano 1.376 intervencións que se relacionan cun total de 369 persoas atendidas, das que o 98,6%% son mulleres.

As intervencións distribúense entre tres servizos. O asesoramento xurídico copou o 18,16% das atencións realizadas; a atención psicolóxica, o 30,52%; e o servizo de información e tramitación de recursos, formación, orientación e emprego, o 51,32%.