25N | Berro da CIG na rúa: "Óllate no espello. Rompe co machismo"

Pontevedra
25 de novembro 2024
Actualizado: 22:30

A Secretaría das Mulleres da CIG levou a cabo o acto con motivo do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres nas rúas de Pontevedra centrándose na figura do agresor e reclamando aos homes que rexeiten as agresións

Manifestación da CIG con motivo do 25N Mónica Patxot

A Secretaría das Mulleres da CIG conmemorou este luns, 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres cunha manifestación polas rúas de Pontevedra baixo o lema "Óllate no especho. Rompe co machismo" coa presenza de arredor de trescentas mulleres.

A marcha partiu ás 12:00 horas da biblioteca pública Antonio Odriozola e concluíu na Praza da Peregrina arredor das 12:15, onde se deu lectura a un comunicado.

A xornada incluíu tamén un Encontro Nacional de Mulleres da CIG, celebrado na mesma biblioteca, no que o Gabinete Técnico Confederal impartiu unha charla sobre a identificación e actuación ante as violencias no ámbito laboral.

A campaña deste ano puxo o foco no agresor, interpelando directamente os homes para que rexeiten as agresións e actúen contra as condutas machistas nos seus círculos de relación.

Desde a CIG adverten que, lonxe de diminuír, as denuncias por violencia machista seguen en aumento, así como os casos de feminicidios e agresións sexuais.

Ademais, denuncian a falta de datos oficiais actualizados sobre as violencias no ámbito laboral, lembrando que o 17% das agresións sexuais teñen lugar no traballo e que case a metade das mulleres maiores de 16 anos declararon sentirse acosadas nalgún momento da súa vida.

A manifestación contou coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e de varias persoas do grupo de goberno.

A secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, reclamou maior implicación das Administracións públicas e das empresas na loita contra a violencia machista.

Castro denunciou que moitas empresas carecen de protocolos contra o acoso, algo ilegal, e que a maioría das que os teñen non os aplican.

A líder sindical criticou especialmente ás Administracións por "relaxar as políticas de xénero", citando como exemplo a decisión da Xunta de dividir a Secretaría de Igualdade en dúas Direccións Xerais, o que cualificou como un "erro tremendo".

O acto finalizaba cun chamamento a participar nas mobilizacións da Marcha Mundial das Mulleres de Galiza e do movemento feminista galego.