Lembranza, rexeitamento ou xustiza vanse a dar a man en Pontevedra este 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, que un ano máis virá acompañado de numerosos eventos reivindicativos protagonizados por toda a sociedade civil.
O acto principal en Pontevedra será a manifestación que, convocada polo Colectivo Feminista Pontevedra e o colectivo transfeminista F.U.L.A.N.A.S., partirá da Praza da Ferrería ás 20:30 horas baixo o lema En contra das violencias machistas. Unidas por Xustiza.
Neste ano, a súa denuncia está centrada no ámbito xudicial e de protección legal das vítimas das violencias machistas e na falta de formación de xénero neste eido, "o que perpetúa as violencias que debe combater", segundo subliñan as convocantes.
Antes, ás doce do mediodía, a secretaría das mulleres da CIG, tras unha palestra sobre a identificación das violencias no traballo, impulsará unha manifestación, entre a biblioteca pública e a Praza da Peregrina, para esixir a erradicación de toda forma de violencia machista.
ARTE PARA QUE "NON MIRES CARA OUTRO LADO"
Unha instalación artística, que será inaugurada ás once da mañá, será a acción coa que o Concello de Pontevedra se sumará aos actos deste 25N. Será na praza da Audiencia.
No chan da praza instalaranse 32 círculos conmemorativos: trinta negros, coas iniciais e idades das mulleres asasinadas -que van dos 25 aos 82 anos- e dous brancos, coas iniciais dos dous irmáns vítimas da violencia vicaria, de 9 e 4 anos.
A obra inclúe tamén un círculo máis grande cun texto explicativo que remata cunha mensaxe que interpela a todas e todos: "Non mires cara a outro lado. SON ASASINATOS".
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, colocará os dous últimos círculos no momento da inauguración, lembrando as dúas últimas mulleres asasinadas na provincia: a veciña de Pontevedra, Fadua A. de 41 anos (en outubro) e Estela B.S. de 36 (este novembro).
CHAMADA A "ROMPER O SILENCIO"
A Deputación, pola súa banda, celebrará no Pazo Provincial, a partir das once da mañá, o seu acto institucional polo 25N. Nel reivindicarán a necesidade de "romper co silencio cómplice", ao entender que é o "mellor aliado" que teñen as violencias machistas.
A xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, lerá o manifesto institucional e o acto culminará con poemas de Compracer nunca, con pracer sempre de Carmen Quinteiro, a cargo de persoas de diferentes ámbitos da sociedade.
Serán, entre outros, Raúl Santamaría, María Borrás, Lucía Muradas, Rafa Cabeleira, Javi Gómez Noya, Susana Pedreira, Natalia Maquieira, Pepe Solla, Begoña Fernández e Sofía Espiñeira.
A fachada do Pazo Provincial lucirá paneis e lonas co lema "Rompe o silencio. Escoita o cambio" e o edificio estará iluminado de morado durante toda a xornada.