Alumnos de colexios de Pontevedra van participar en 'Pontenciencia', o proxecto educativo que desenvolve a Concellaría de Educación e a Universidade de Vigo coa intención de que 256 escolares de sexto curso de primaria se convertan en pequenos científicos que elaboren propostas sobre campos de coñecemento relacionados cos estudos que se imparten nas facultades do campus de Pontevedra.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, e a vicerreitora do campus pontevedrés, Antonia Blanco, presentaron esta iniciativa que conta cunha subvención por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Economía.
Os centros que participan son os de Cabanas, Froebel, Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Parada, Marcos da Portela, Manuel Vidal Portela, Marcón e Carballeira participan neste experimento pedagóxico no que, nunha segunda modalidade, tamén van participar once familias con nenos no último curso de Primaria e o prazo aínda está aberto para que se apunte algunha familia máis, segundo indican dende a organización.
Na primeira fase, os nenos están a participar en talleres sobre conceptos metodolóxicos básicos relacionados coa investigación. E a través dos comités científicos que se crearon nos distintos centros universitarios, os escolares están a traballar xa sobre o crecemento das raíces, a erosión eólica e hídrica ou a contracción muscular.
A finais do mes de maio, os proxectos serán expostos na 'Feira da miniciencia' que se desenvolverá na Escola de Enxeñería Forestal. Os tres mellores traballos contarán con premios. O colexio gañador obterá 450 euros e a familia que presente o mellor proxecto obterá 325 euros en cheques-regalo para material escolar ou compras no comercio local.
O proxecto conta tamén con actividades complementarias como a instalación dunha cúpula astronómica, espectáculos de maxia ou unha exposición fotográfica sobre biodiversidade no río Lérez.