'25 anos, 25 desexos, 25 persoas' de Amencer-Aspace

Pontevedra
06 de abril 2016

Amencer-Aspace organizou un extenso programa de actividades que se desenvolverá do 20 ao 27 de maio e que o presidente e a xerente da asociación, Carlos Godoy e Mónica Touriño, presentaron este mércores á concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces

Recepción de Carmen Fouces a Carlos Godoy e Mónica Touriño Mónica Patxot

'25 anos, 25 desexos, 25 persoas' será a proposta lúdica coa que a asociación Amencer-Aspace empezará a celebrar con todos os veciños de Pontevedra o seu 25 aniversario. Trátase dunha cita prevista para o día 20 de maio coa que se iniciará unha semana enteira de actividades. 

Amencer-Aspace organizou un extenso programa de actividades que se desenvolverá do 20 ao 27 de maio e que o presidente e a xerente da asociación, Carlos Godoy e Mónica Touriño, presentaron este mércores á concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces.

En relación coa proposta lúdica do día 20, indicaron que é "ilusionante e moi visual". O día 27, a actividade final será unha xornada científica e de divulgación "moi densa" baixo a epígrafe de 'Avanzamos' que abordará aspectos médicos, científicos e de organización de actividades lúdicas incluíntes.

Na súa reunión con Carmen Fouces, Amencer-Aspace lembrou este mércores que a asociación empezou o seu camiño da man de tres familias pontevedresas que no seu día se uniron para procurar respostas e unha atención axeitada para os seus fillos e na actualidade atende de forma directa a 80 persoas con parálise cerebral e conta con 118 asociados, persoas con familiares directos afectados por este tipo de discapacidade, e con arredor de 200 usuarios dos seus servizos. Ademais, a asociación pon a disposición de todos o seu equipo de valoración mutidisciplinar.

O 25 aniversario de Amencer-Aspace traerá a Pontevedra a recoñecidos expertos como o coach motivacional Jorge Salinas ou o xenetista Ángel Carracedo.