24 locais participarán nun Portonovo Gastronómico que promete música e animación

Sanxenxo
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A música, a animación e sobre todo a comida serán as protagonistas en Sanxenxo do 26 ao 28 de abril coa celebración da segunda edición do Portonovo Gastronómico

Presentación da segunda edición do Portonovo Gastronómico Concello de Sanxenxo

A música, a animación e sobre todo a comida serán as protagonistas en Sanxenxo do 26 ao 28 de abril coa celebración da segunda edición do Portonovo Gastronómico.

O evento foi presentado este venres no Club Náutico de Portonovo pola concelleira de Cultura e Eventos Elena Torres, quen explicou que nesta ocasión contarán coa presenza de 24 locais de hostalería e, un ano máis "tampouco pode faltar a sobremesa, que sería a Raia de Ouro".

O Portonovo Gastronómico abrirá a programación o venres 26 de abril cun showcooking con degustación a cargo do Obradoiro de Hostalería do Salnés a partir das 11:30 horas. Ademais da variada oferta gastronómica, os locais participantes tamén elaborarán dúas tapas con motivo da cita.

Neste caso, o toque musical poñerano Raúl&Cía, Bo Dereck’s, Dani Barreiro, Ropa Vieja, La Buena Vida e La Mosca Valiente, que se subirán aos escenarios da Praza de Compostela, Praza Méndez Núñez e Rafael Picó. A maiores, pola mañá e a tarde as charangas animarán o tapeo desde o Campo de San Roque ata Rafael Picó.

O outro ingrediente co que contará a celebración será a animación polas rúas, que correrá a cargo de Circo Salvaxe, Atlantis de Malatitsch, Druídas Errantes, Lles Variepides e o Show de Fito 'Soño'.

Trátase de seis espectáculos pensados para todas as idades que se sumarán aos obradoiros para nenos e os xogos populares en O Espiñeiro, coa Asociación Amigos da Dorna, ou a exposición fotográfica 'A Vida en Instantes' ao longo de Rafael Picó, que conta coa colaboración da Asociación Ollares de Portonovo.

O domingo 28, a partir das 12:00 horas, celebrarase a cerimonia da entrega da Raia de Ouro na Casa de Don Fernando. Unha comitiva formada por membros da Corporación e familiares partirá da lonxa de Portonovo acompañando ao galardoado desta edición con gaiteiros e grupos de baile.

Por último, sortearanse entre os participantes un total de 24 estancias e 24 comidas por valor de 50 euros.