200 árbores de ribeira iniciarán a repoboación da senda fluvial do Lérez

Pontevedra
06 de xaneiro 2020

A concellería de Medio Natural contrató a Cormo Integral a repoboación dun treito de 150 metros onde no mes de outubro se eliminaron eucaliptos. No seu lugar van plantarse outras especies como carballos, freixos, loureiros, abeleiras e algúns cerdeira

Eliminación de especies arbóreas invasoras na ribeira do Lérez Concello de Pontevedra

A senda do río Lérez ofrecerá outra imaxe coa repoboación de especies autóctonas. O concelleiro Iván Puentes, responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, ten prevista a compra de árbores de ribeira para levar a cabo un traballo de revexetación nas marxes fluviais do río.

Trátase da segunda fase do proxecto de mellora ecolóxica que comezaba en outubro de 2019 coa corta de trinta eucaliptos e doutras especies invasoras nun tramo de 150 metros na contorna da praia fluvial.

Desta forma, contratouse á empresa Cormo Integral a adquisición de 200 árbores e arbustos de especies frondosas para repoboar toda esa zona, próxima á vía de acceso á urbanización de Monte Porreiro.

Os eucaliptos eliminados serán agora substituídos por carballos, freixos, loureiros, abeleiras e algunha cerdeira, indicaba o concelleiro Iván Puentes. A zona que tamén se atopaba invadida por acacias negras e mimosas provocou a desaparición dun sotobosque e dunha composición floral propia dun ecosistema de ribeira, nun espazo que está considerado Lugar de Intereses Comunitario (LIC). A especies eliminadas foron trituradas e empregadas como estruturante nos centros de compostaxe municipais.

Tamén se está a actuar no noiro existente entre a ponte do ferrocarril e a rotonda de entrada a Monte Porreiro, na contorna do Mirador. Están a eliminarse especies invasoras e está previsto que se planten tamén árbores autóctonas que acheguen calidade ambiental. Ademais de axardinar o noiro, a concellería ten previsto restaurar a pasarela de madeira de 50 metros que conecta a avenida de Bos Aires coa rúa Holanda.