2.613 casos activos e 140 hospitalizados pola covid-19 na área sanitaria, tras 115 novos contaxios

Pontevedra
04 de febreiro 2021

Desde onte tamén se aliviou un pouco máis a presión asistencial nos hospitais. Hai 140 pacientes ingresados con coronavirus, seis menos que o día anterior, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde. 27 deles están na UCI de Montecelo

Xente con máscaras por Pontevedra Mónica Patxot

A incidencia da covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés parece que tende a estabilizarse. Aínda que os casos activos volveron a crecer e son xa 2.613 (35 máis que onte), o certo é os contaxios modéranse. Foron 115 nas últimas 24 horas, que aínda que segue sendo notable, é unha das cifras máis baixas das últimas semanas.

Desde onte tamén se aliviou un pouco máis a presión asistencial nos hospitais. Hai 140 pacientes ingresados con coronavirus, seis menos que o día anterior, segundo recolle o balance diario do Servizo Galego de Saúde.

A maior parte dos hospitalizados (113) están nas unidades de hospitalización para enfermos de covid-19. Hai 92 infectados atendidos en Montecelo. Outros dez están no Hospital do Salnés e hai once no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.

Os pacientes máis graves, que están ingresados na unidade de coidados críticos (UCI) de Montecelo, son 27 nestes momentos, segundo os datos achegados polo Sergas. Son dous menos dos que estaban a ser atendidos o día anterior.

O resto dos que contraeron o virus, outras 2.473 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.

Desde o inicio da pandemia 8.131 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 78 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 119 falecementos asociados ao virus. Os últimos, un home de 78 anos e unha muller 93 anos que morreron en Montecelo.

En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 145.580, 1.252 nas últimas horas. Delas, 91 deron positivo (7,26%). A estas probas súmanse as 56.919 seroloxías realizadas ata a data. 

INCIDENCIA EN GALICIA

A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.399, 41 menos que o día anterior. Deles 5.845 son da área da Coruña, 2.105 da de Lugo, 2.730 da de Ourense, 2.613 da de Pontevedra, 3.830 da área de Vigo, 3.418 da de Santiago e 1.858 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 247 están en UCI, 1.070 en unidades de hospitalización e 21.082 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 77.135 persoas curadas, rexistrándose 1.880 falecementos.

Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.460.951 probas  PCR, 12.999 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 1.091 novos infectados.