2.400 residentes en Sanxenxo serán convocados os días 30 e 31 a un cribado en Baltar

Sanxenxo
27 de marzo 2021

Detectáronse dous positivos nos cribados realizados nos CEIP Portonovo, IES Vilalonga e CEIP Noalla-Telleiro, que se complementarán este domingo no CovidAuto do Hospital Provincial de Pontevedra con outras PCR a 92 citados do colectivo profesional de establecementos de alimentación de Sanxenxo

CEIP Noalla-Telleiro Concello de Sanxenxo - Arquivo

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) anuncia que realizará novos cribados con PCR fronte ao centro de saúde de Baltar o martes 30 e o mércores 31 deste mes de marzo. Está previsto convocar a 2.400 persoas residentes en Sanxenxo profesionais da hostalería, o taxi, axentes da Policía Local, Protección, o sector de Axuda no Fogar, clubs deportivos e un colectivo poboacional aleatorio de persoas con idades comprendidas entre os 18 e 60 anos de idade.

Esta proba desenvólvese para detectar o maior número posible de persoas portadoras asintomáticas de covid-19, co obxectivo de reducir a cifra de contaxios de coronavirus que se está rexistrando durante os últimos días en Sanxenxo, único  concello da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que neste momento atópase en nivel alto de incidencia. Este sábado súmanse dous casos positivos máis na vila turística elevando a cifra de persoas afectadas a 51.

A Consellería de  Sanidade comunica tamén que se detectaron dous casos positivos nos cribados realizados durante este xoves 25 e venres 26 nos centros educativos do CEIP Portonovo, IES Vilalonga e CEIP Noalla-Telleiro.

Para este domingo citáronse a 92 persoas do colectivo de profesionais de establecementos de alimentación do municipio para que acudan ao posto de CovidAuto do Hospital Provincial de Pontevedra para someterse ás probas PCR.