2.161 persoas citadas "pasaron" de someterse ao cribado en Poio

Poio
02 de setembro 2021

A xerencia da área sanitaria informa de que só un 27,9% das persoas convocadas asistiron ao pavillón deportivo da Seca durante o luns 30 e o martes 31 de agosto para realizar as probas PCR co obxectivo de descubrir casos asintomáticos. Entre as probas realizadas detectáronse dous positivos

Luciano Sobral co persoal sanitario que realiza o cribado Concello de Poio

3.000 persoas estaban citadas para participar no cribado establecido pola Consellería de  Sanidade este luns 30 e o martes 31 de agosto no Pavillón deportivo da Seca. Desa cifra só apareceron 839 persoas, un número que representa o 27,9% da convocatoria.

A proba estaba destinada a persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 39 anos co obxectivo posto en descubrir casos  asintomáticos que poidan estar a provocar contaxios entre a poboación.

Entre as 839 probas realizadas, detectáronse dous casos positivos, segundo informan desde a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

SANXENXO

Para esta xornada do xoves 2 e durante o venres 3 de setembro están citadas 3.500 persoas con idades entre 15 e 39 anos na Sala Nauta no Concello de Sanxenxo para someterse a un cribado coa mesma intención de localizar casos positivos que poidan estar a infectar a outras persoas.

O horario para realizar as probas é de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, durante as dúas xornadas.

As autoridades sanitarias alertan da importancia de someterse a estas probas para impedir a transmisión da enfermidade, sobre todo cando en Galicia o variante delta, a máis contaxiosa, é nestes momentos a máis estendida.