Kren é un can de 13 anos cunha enfermidade de ósos incurable. Vive en Madrid cos seus donos e veu a Galicia a pasar as vacacións de Semana Santa, pero non puido regresar. Leva perdido dende o domingo 25 de marzo e os seus propietarios tiveron que volver ao traballo sen localizalo. Para axudar na busca, ofrecen unha recompensa. Darán 2.000 euros a quen localice a súa mascota.
O Refuxio de Animais de Cambados actúa de entidade mediadora nesta busca, de modo que as persoas que teñan pistas sobre o seu paradoiro deberán poñerse en contacto coa protectora. Como dato a ter en conta, achegan que ten chip.
Os donos de Kren son unha ribadumiense e un madrileño. O can estaba na casa en Sisán (Ribadumia) o día en que desapareceu, pero nun descoido alguén abriu a porta e desapareceu. O propio 25 de marzo empezou a busca, que durou durante toda a Semana Santa, pero rematadas as vacacións, non lograron localizalo.
Na busca pediuse, nun primeiro momento, a colaboración dos veciños de Ribadumia e Cambados, pero tamén se difundiu a través das redes sociais. No Facebook saíu á luz que Kren afronta xa os seus últimos meses de vida, xa que a enfermidade ósea que ten diagnosticada lle deixa moi poucas esperanzas.