19 proxectos mariñeiros da ría de Pontevedra recibirán máis dun millón e medio de euros do GALP

Pontevedra
29 de xullo 2024

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra reparte o diñeiro en proxectos que destacan polo carácter social e que promoven o patrimonio mariño, coidado dos bancos marisquieros, divulgación científica e novas rutas de pesca turismo

Promotores na sesión do GALP-RP GALP Ría de Pontevedra

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP-RP) anunciou a distribución de máis dun millón e medio de euros en axudas para 19 proxectos na área de Sanxenxo, Meaño, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu.

Estas axudas, xestionadas pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e de Acuicultura (FEMPA), cobren entre o 45% e o 100% do investimento de cada iniciativa.

Os proxectos seleccionados destacan polo seu carácter social e inclúen propostas como restaurantes e hospedaxes que promoven o patrimonio mariño, novas rutas de pesca turismo, deportes acuáticos adaptados e divulgación científica para mariscadores.

Tamén atenden iniciativas de melloras nos accesos a praias e prazas de abastos, así como investimentos para embarcacións de lonxas para o coidado dos bancos marisqueiros.

Estas iniciativas forman parte da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) do GALP-RP, que busca mellorar a competitividade do sector pesqueiro, fomentar a economía azul, o benestar social e promocionar o patrimonio medioambiental e cultural da ría de Pontevedra.

A semana pasada, os promotores beneficiarios das axudas participaron nunha xornada informativa en Marín, onde resolveron as súas dúbidas sobre a execución dos proxectos.

Desde a súa creación, o GALP-RP desempeña un papel clave na dinamización da área da ría de Pontevedra, colaborando na xestión dos recursos do FEMPA e traballando polo desenvolvemento sustentable das comunidades locais.