Un home de 78 anos de idade e outro de 92 falecían durante as últimas horas como consecuencia da enfermidade de covid-19 no Hospital Montecelo. Con estas dúas mortes, o número de vítimas ascende a 96 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde que se cuantifican os falecementos derivados desta pandemia. En ambos os casos constaban outras enfermidades previas a contraer o coronavirus.
Estes dous falecementos manteñen unha liña luctuosa en Montecelo despois da perda dun matrimonio de Moraña, que superaba os oitenta anos de idade e que falecían en Montecelo durante a mesma xornada, como avanzaba PontevedraViva. A estes casos, hai que sumar a morte dunha muller, tamén en Montecelo, o pasado luns que carecía de patoloxías previas.
Neste xoves 21, a Consellería de Sanidade notifica a morte de 18 persoas diagnosticadas por coronavirus en Galicia. Ademais dos dous homes que perdían a vida no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra hai que sumar outros cinco falecementos na provincia: un home, de 92 anos, na Residencia Paz e Bien de Tui; dous homes, de 86 e 90 anos, no Hospital de Povisa en Vigo e dúas mulleres, de 85 e 92 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro da cidade olívica.
A estes casos hai que sumar dous homes, de 74 e de 90 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; un home de 82, outro de 73 e unha muller de 74 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña. Tres mulleres, de 90, 72 e 88 anos perdían a vida no Complexo Hospitalario de Santiago e tres homes, de 83, 90 e 90 anos, falecían no Complexo Hospitalario de Ferrol.
Segundo Sanidade, as 18 vítimas notificadas durante este xoves 21 contaban con enfermidades previas nos seus historiais clínicos. Con estes novos decesos, Galicia chega á cifra de 1.584 persoas perdidas como consecuencia da pandemia.