165.000 euros para mellorar a seguridade viaria no acceso a Vila de Arriba

Cerdedo-Cotobade
13 de xuño 2017

As obras de mellora de seguridade viaria e ensanche do acceso a Vila de Arriba, na parroquia de Santa María de Sacos, xa comezaron. Esta actuación, cifrada globalmente en 165.000 euros, beneficiará de xeito directo aos 240 veciños da parroquia e está a ser executada pola empresa Caldevergazo

Obras nos accesos a Vila de Arriba Concello de Cerdedo-Cotobade

As obras de mellora de seguridade viaria e ensanche do acceso a Vila de Arriba, na parroquia de Santa María de Sacos, xa comezaron. 

Esta actuación, cifrada globalmente en 165.000 euros, beneficiará de xeito directo aos 240 veciños da parroquia e está a ser executada pola empresa Caldevergazo.

Con ela, preténdese corrixir o perigo detectado no trazado e na sección de plataforma desta estrada, xa que, malia que o tráfico non é moi intenso, os usuarios sofren problemas de circulación en certas curvas e non poden realizar un tráfico simultáneo de vehículos en certos puntos por ser moi estreita. Búscase mellorar o paso nas curvas máis pronunciadas e favorecer a circulación de vehículos en dobre sentido.

A actuación estaba catalogada como urxente polos servizos técnicos e considérase unha prioridade para o goberno local.

Ademais, este investimento inclúe a adopción de melloras valoradas en 36.000 euros, xa que se contempla a realización de canalizacións de augas e escorrentías, a eliminación das beiravías situadas fronte á igrexa, a formación de pasos salvabeiravías, a instalación de tres redutores de velocidade, o pintado de marcas viarias, a construción de case 200 metros cadrados de mampostería, muros e obras de contención con acabado de canteiría e a instalación dun cubrecontedores con remate de madeira de pino e ancoraxes metálicas.

Ao respecto, o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que xa se desprazou ata a zona para ver o inicio dos traballos, quixo destacar a importancia desta obra "pola necesidade de mellorar este acceso ao centro da parroquia e polo elevado investimento", pero estima que o esforzo económico "é de xustiza para beneficiar a comunicación interna de Vila de Arriba e de toda a parroquia".