16 concellos da provincia de Pontevedra contarán con novas illas ecolóxicas dotadas con colectores

Ponte Caldelas
14 de abril 2023

Esta acción realízase ao abeiro dos proxectos 'Da túa man' e 'Commerce Inside', da man da Deputación de Pontevedra, que teñen como obxectivo principal dar vida ao comercio local e servir como punto de información e sensibilizar sobre o tratamento e o reciclado dos residuos

Sede Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

16 concellos da provincia de Pontevedra contarán ao longo dos próximos días con novas illas ecolóxicas dotadas con colectores da man da Deputación. Trátase dunha das accións que se están a levar a cabo ao abeiro dos proxectos 'Da túa man', dirixido a municipios para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización; e 'Commerce Inside', dirixido a concellos turísticos.

Os proxectos contan cun orzamento de 1.066.085 e 1.097.350 euros, respectivamente, dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través do Plan de Recuperación financia o 70%. 

Os concellos de Meaño, Poio, Ponte Caldelas, Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Sanxenxo e Bueu son algúns dos municipios que participan nesta iniciativa.

A partir deste xoves 13 de abril, comeza a instalación dos colectores no Concello do Rosal e ao longo de abril instalaranse no resto de municipios participantes. Das 32 illas ecolóxicas que forman parte dos proxectos, 18 pertencen á iniciativa 'Da túa man' e 14 a 'Commerce Inside'.

Segundo as necesidades de cada un dos concellos, cada unha destas prestacións contará con ata seis colectores grandes ou catro pequenos, e na maioría dos municipios instalaranse dúas illas ecolóxicas.

O obxectivo a acadar con esta acción é axudar a agrupar diferentes fraccións de reciclaxe facilitando, deste xeito, a clasificación de residuos urbanos, fomentando a reciclaxe e integrando ecopuntos na contorna comercial. De feito, estas illas servirán coma puntos de información e sensibilización sobre o tratamento e reciclado dos residuos.

Ademais, coa súa instalación contribúese a mellorar a estética da zona onde se localizan ao atoparse distribuídas polos eixos comerciais máis importantes de cada concello. Para a súa instalación, utilizarase un sistema modular de cerramento con porta do perímetro do recinto onde se sitúan os colectores, que servirá de protección dos mesmos e contribuirá a embelecer e identificar coma ecopunto o lugar elixido para a súa colocación.