15.000 pacientes sofren a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica na área sanitaria

Pontevedra
15 de novembro 2023

O servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra atende 600 novas consultas anuais con pacientes con sospeita deste trastorno pulmonar. Durante este mércores 15, o Hospital Montecelo acolleu unha xornada de concienciación con motivo do Día Internacional da EPOC cunha mesa informativa

Campaña da Xunta de Galicia sobre a EPOC Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

O 16 de novembro é o Día Internacional da Enfermidade Pulmonar Obstructiva Crónica (EPOC) e, por este motivo, o Hospital Montecelo acolleu unha actividade para concienciar sobre esta enfermidade, organizada polo servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Este trastorno pulmonar, cuarta causa de morte mundial, afecta a máis do 12% da poboación adulta en España. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 15.000 pacientes con EPOC e, aínda que non existen cifras exactas do número de persoas diagnosticadas, o servizo de Pneumoloxía do complexo hospitalario pontevedrés atende 600 novas consultas anuais de persoas con sospeita de enfermidade pulmonar obstructiva crónica.

A maioría de casos son detectados nas consultas de Atención Primaria e só os máis graves chegan aos centros hospitalarios para o seu tratamento.

O perfil habitual das persoas con esta patoloxía responde a un fumador de máis de 20 anos consumidor dun paquete de cigarros diario. Ofrece certo grao de expectoración e detecta que se fatiga moito antes do esperado. En ocasións conta con sobrepeso pero tamén se presentan casos de persoas que se atopan por baixo do seu peso normal.

A EPOC é máis frecuente en homes, pero na última década duplicouse a porcentaxe de mulleres diagnosticadas. 

A mellor fórmula para evitar este trastorno "é evitar fumar e a exposición a contaminantes ou elementos irritantes no aire", afirma o xefe de sección de Pneumoloxía, Adolfo Baloira Villar, que engade que "preto do 80% das causas que provocan a EPOC débense ao tabaco, sobre todo en mulleres. Con respecto ao 20% restante podería deberse á exposición a biomasa, como por exemplo as cociñas de leña e, como en todas as enfermidades crónicas, existe certo compoñente xenético".

Os pacientes teñen como principais síntomas a presenza de forma progresiva de máis dificultade para realizar esforzos ata o punto de ter dificultade respiratoria en repouso. Chega un momento, segundo indican desde a área sanitaria, en que aparece insuficiencia respiratoria e risco de morte. Con frecuencia van presentarse agudizacións e a metade dos casos son de carácter infeccioso, con deterioración da calidade de vida e aumento do risco de mortaldade.

O tratamento consiste en primeiro lugar deixar o tabaco en caso de ser un paciente consumidor e utilízanse broncodilatadores por vía inhalatoria. Noutros tipos de EPOC empréganse corticoides que diminúen a inflamación. Tamén se poden utilziar antibióticos preventivos. Tamén se recomenda o exercicio físico con programas sinxelos. Os casos máis graves desta enfermidade requiren transplante de pulmón.

Na actualidade, a través da realización de TAC torácicos, a EPOC lógrase diagnosticar de forma precoz. Tamén se está consolidando a medicina regenerativa para restaurar pulmóns danados e, ademais, están a desenvolverse novos antiinflamatorios con menos efectos secundarios que os presentados polos corticoides.

Entre xaneiro e outubro de 2023 realizáronse 9.000 espirometrías simples e con broncodilatación no Hospital Montecelo. En persoas con máis de 34 anos, en Galicia rexístranse 65.071 pacientes con EPOC.

O 68% de pacientes desta enfermidade en Galicia atópanse entre os 65 e os 89 anos, cun total de 224.365 pacientes con problemas respiratorios relacionados co tabaco. 

MÁIS DE 50 PROFESIONAIS DE ENFERMERÍA TOMAN POSESIÓN DA PRAZA

Tras a resolución do proceso de estabilización da categoría de profesionais de enfermería a través do concurso de méritos, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés 58 enfermeiras e enfermeiros tomaban posesión da praza. 

Deste colectivo, 48 escolleron o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, mentres que unha decena seleccionou o Hospital Público do Salnés. Por sexo, soamente un home, escolleu destino no CHUP, dentro do grupo da área sanitaria.

Segundo o Sergas, Galicia é a primeira comunidade autónoma en resolver este tipo de procesos de estabilización. A partir desta xornada, as persoas aspirantes nomeadas dispoñerán dun mes de prazo para incorporarse ao seu posto de traballo.