15.000 euros para o Programa de Atención Bio-Psico-Social da AECC en Pontevedra

Pontevedra
06 de xullo 2021

O programa, que beneficiará a máis de 12.000 persoas da provincia, contempla  actividades de investigación, divulgación, prevención, formación e outras iniciativas de carácter sanitario ou asistencial dirixidas a persoas con cancro e ás súas familias

A deputada provincial Olga García visitou a sede provincial da AECC en Pontevedra Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra fará este ano unha achega de 15.000 euros á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para a posta en marcha do Programa de Atención Bio-Psico-Social ás persoas doentes oncolóxicas e ás súas familias. 

O programa, que beneficiará a máis de 12.000 persoas da provincia, contempla actividades de investigación, divulgación, prevención, formación e outras iniciativas de carácter sanitario ou asistencial dirixidas a persoas con cancro e ás súas familias.

Inclúe tamén intervención psicolóxica individual e grupal, intervención social, actividades de ocio e tempo de lecer, actividades culturais e obradoiros ocupacionais, rehabilitación oncolóxica e iniciativas de prevención e sensibilización.

O programa pretende facilitar unha vida normalizada, mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas de cancro e das súas familias, minimizar as alteracións emocionais, recuperar o nivel de funcionamento persoal previo á enfermidade, favorecer a integración social, previr a aparición de sintomatoloxía clínica derivada da doenza, cubrir as necesidades básicas das persoas doentes, previr e reducir a progresión de efectos secundarios, orientar e favorecer a autoaxuda e participación das e dos doentes.

A deputada provincial Olga García visitou a sede provincial da AECC en Pontevedra para dar a coñecer o apoio a este programa, que xurdiu a finais da década dos anos 90 e actualmente desenvólvese nas sedes de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Redondela, O Porriño, Cambados, Marín, O Grove, Cangas, Mondariz e Mos, así como en unidades hospitalarias, espazos públicos e nos propios domicilios de persoas doentes que teñen dificultades para desprazarse.