14 tótems na provincia xa proporcionan información turística en tempo real

Pontevedra
09 de marzo 2023

Estes paneis, que se integran no proxecto europeo Tourist Inside, achegan aos municipios información sobre afluencia de turistas, posible orixe e buscas realizadas polos visitantes

Ana Laura Iglesias, deputada provincial de Turismo, no tótem de Meis Deputación de Pontevedra

Catorce municipios turísticos da provincia teñen desde esta semana os tótems interactivos da Deputación de Pontevedra para ofrecer información relacionada coa actividade turística en tempo real ás persoas visitantes.

Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo Tourist Inside e os paneis xa se atopan activos en Poio, Meis, Cuntis, Caldas de Reis, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Pontevedra, Nigrán, Baiona, A Guarda, Salvaterra de Miño e Silleda.

Todos estes municipios dispoñen de oficinas de información turística integradas naRede Info Rías Baixasda Deputación. 

Ana Laura Iglesias, deputada provincial de Turismo, acudía este xoves ata a praza da Chousa en Combarro, Poio, e tamén ao Mosteiro de Armenteira, en Meis, onde se instalaron estes tótems. 

Estes elementos ofrecen, por unha banda, información ás persoas que están de visita e, por outra, ofrece datos sobre os propios visitantes ao municipio sobre as procuras, afluencia e posible orixe.

Tourist Inside conta cun orzamento de 1.108.280 euros e está financiado ao 60% mpor Red.es a través de fondos FEDER e ao 40% pola Deputación de Pontevedra. Este proxecto busca transformar os territorios en destino intelixentes.