Oito operarios para a brigada de rozas e mantemento de espazos públicos, outros catro que formarán parte do equipo de reparación de infraestruturas municipais e unha condutora da máquina varredora incorporaranse o luns 15 ao persoal municipal de Ponte Caldelas.
O alcalde Andrés Díaz recibíalles este xoves para explicarlles que coa súa incorporación servirá de pulo para acometer as tarefas de roza que se desenvolven en 33 lugares do municipio e axilizar obras pendentes.
Estas trece incorporacións laborais forman parte do Plan Provincial de Obras e Servizos, o Plan Concellos deste ano da Deputación de Pontevedra. As persoas seleccionadas atopábanse en situación de desemprego no Servizo Público de Emprego.
Os contratos durarán oito meses con xornadas de 37,5 horas para a persoa encargada da varredora e 25 horas á semana no caso dos operarios de rozas e de reparación. O salario regúlase polo conveno colectivo do sector da construción na provincia con soldos que van desde 924 a 1.343 euros.