"100% Rías Baixas" é o lema da campaña de promoción turística da Deputación coa auga como elemento vertebrador

Pontevedra
18 de xaneiro 2024

A Deputación de Pontevedra presentou este xoves un adianto da campaña de promoción turística que a administración provincial estreará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebrará en Madrid do 24 ao 28 de xaneiro  

Presentación da campaña "100% Rías Baixas" de promoción turística da Deputación Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra presentou este xoves un adianto da campaña de promoción turística que a administración provincial estreará na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebrará en Madrid do 24 ao 28 de xaneiro e á que concorre co lema "100% Rías Baixas".

Este adianto dunha campaña "rompedora, desenfadada e enérxica" contou cunha rechamante posta en escena no vestíbulo do Pazo Provincial no que se instalaron dúas grandes pantallas led, unha delas percorría en tobogán as escaleiras do edificio coa imaxe da fervenza da Toxa. A este acto asistiron alcaldes da provincia e representantes do sector turístico.

A auga é o elemento vertebrador desta campaña, tal e como indicou no seu discurso o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López: "illas, mareas máxicas e praias infinitas, así é o destino de verán nas Rías Baixas", resaltou.

"Nun momento no que a auga está no centro do debate, a súa abundancia ten que ser unha vantaxe", dixo. 

Luis López referiuse á situación actual do turismo na provincia como a "historia dun éxito" no que "ao tempo que o mundo miraba cara este lugar tamén descubrimos que era un privilexio vivir aquí".

O presidente da Deputación destacou que "esta campaña tamén vai de nós", especialmente "dun sector que exerce de embaixador da nosa hospitalidade, calidade e excelencia da nosa oferta".

"O turismo será sostible ou non será", sentenciou Luis López poñendo en valor o traballo que se está facendo "nesa dirección" por iso criticou que "sementar dúbidas, como estamos a ver, sobre a calidade dos nosos produtos do mar, sobre a excelencia das nosas costas e praias e sobre sectores que empregan a miles de persoas, para perseguir outros fins é de todo menos responsable".

"O noso destino é de todos, como de todos é o deber de velar pola súa boa imaxe", engadiu.

O presidente da Deputación de Pontevedra enumerou as "fortalezas" das Rías Baixas como destino turístico e, entre elas, citou como "o mellor de todo" ao sector "que traballa coma se o impresionante 2023 fose un paso previo cara un ano 2024 aínda mellor".

A Deputación de Pontevedra presentará esta campaña en FITUR o mércores 24 de xaneiro ás 12.30 horas na caseta de Turismo de Galicia regresando así "onde nunca tivo que marchar" en referencia ao paraugas que brinda a Xunta.

Durante a súa presentación a administración provincial pontevedresa ofrecerá aos asistentes unha degustación de té de camelia e participará nas presentacións de 'Trazas’ o proxecto que conforman 17 xacementos arqueolóxicos galaico-romanos, e do 'Camiño de Ignacio Taverneiro’.