1.500 pantallas protectoras para repartir entre os comercios e veciños de Moraña

Umia
28 de abril 2020

O Concello de Moraña vai distribuír pantallas protectoras de plástico entre todos os establecementos comerciais e pequenos negocios do municipio, así como entre os veciños que as soliciten, como medida para minimizar o risco de contaxio e conter a transmisión do coronavirus

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro (en primer termo), recibe as pantallas protectoras doadas por Indalsu Concello de Moraña

O Concello de Moraña vai distribuír pantallas protectoras de plástico entre todos os establecementos comerciais e pequenos negocios do municipio, así como entre os veciños que as soliciten, como medida para minimizar o risco de contaxio e conter a transmisión do coronavirus.

Este lote de 1.500 pantallas protectoras foi doado pola empresa de aluminio Indalsu, con sede en Caldas de Reis.

O goberno local xa deseñou un cronograma para a súa distribución entre a poboación atendendo ás necesidades e aos índices de risco. En primeiro lugar, vanse entregar as pantallas a todos os establecementos que permanecen abertos no actual estado de alarma, por tratarse de actividades esenciais e de subministros básicos, como supermercados, farmacias, estancos, quioscos ou gasolineiras, entre outros.

A continuación, abrirase unha quenda de solicitudes na que se dará preferencia a todos aqueles establecementos ou negocios que están pechados na actualidade, pero que irán recuperando a súa actividade nas vindeiras semanas, conforme ás distintas etapas do desconfinamento conforme as instrucións do Goberno central.

"Temos un total de 180 comercios e negocios do sector servizos cuns 900 empregados, que son os que traballan habitualmente cara o público xa que o agro, a construción e a industria teñen outro tipo de funcionamento, e queremos seguir axudándolles a cumprir cos futuros protocolos de seguridade ao tempo que os protexemos a eles e a toda a poboación, polo que cremos que estas pantallas poden ser de gran utilidade", explicaba a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, ao mesmo tempo que aproveitaba para agradecer publicamente a colaboración da firma Indalsu.

Unha vez asignadas as pantallas protectoras aos diferentes establecementos e ao persoal municipal, quedará un lote que se repartirá entre os veciños que as poidan precisar para afrontar con maior seguridade e hixiene os seus quefaceres diarios e que deberán solicitalas chamando ao teléfono: 986 553005.