1.500 mochilas e bolsas de tea para agradecer o emprendemento científico entre estudantes

Pontevedra
03 de xuño 2021

O alumnado dos centros educativos participantes en Pontenciencia realiza as exposicións dos seus proxectos ao longo desta semana ante o xurado. O concelleiro de Educación Tino Fernández visitaba o CEIP San Martiño para agasallar ao estudantado co material deseñado por Polo Correo do Vento e asistir á exposición sobre o aire que se realizou neste centro

Agasallos deseñados por Polo Correo do Vento para os escolares que participan en Pontenciencia Concello de Pontevedra

O CEIP San Martiño de Salcedo recibía este xoves ao xurado que realiza a avaliación dos proxectos presentados á edición de 2021 de Pontenciencia, na que diferentes centros presentan traballos de investigación.

O concelleiro de Educación Tino Fernández asistía tamén á exposición realizada polo alumnado deste centro sobre un tema de actualidade con motivo da pandemia "Ese gran descoñecido: o aire". Precisamente, o tenente de alcalde estudou na súa infancia neste centro escolar.

Fernández aproveitaba tamén a ocasión para repartir entre os participantes unha remesa das mil mochilas e cincocentas bolsas de tea deseñadas polo colectivo Polo Correo do Vento, ademais de 200 libros coa biografía de Ricardo Carvalho Calero e da colección Mulleres Galegas, que irán destinadas ás bibliotecas dos centros.

O representante municipal destacou o alto nivel da presentación científica e doutras investigacións expostas durante estas xornadas polos estudantes que  participan no proxecto e felicitou ao alumnado polo esforzo realizado.

Este ano case 700 estudantes de Primaria e Secundaria de centros públicos e concertados de Pontevedra participan no certame, ademais de oito familias. En total, presentáronse 47 propostas científicas aos Premios de Investigación  Homenaxe  á  Muller Investigadora.