A produtora Undodez está do trinque. Xa é dispoñible 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego dirixida a un público de tres a seis anos.
Creada como entretemento á vez que didáctica, está protagonizada pola Banda do Bosque, uns paxaros cuxos catro integrantes viven aventuras na natureza.
Laura e Andy Mahía son os seus directores e guionistas. Falan neste podcast para os adultos e tamén para os máis pequenos da familia.
Unha das diferenzas desta serie animada respecto doutras xa coñecidas é que os seus personaxes "son paxaros e fan cousas de paxaros. A historia de Bibopalula é que ademais da música como protagonista, a natureza tamén o é".
Cada capítulo ten unha duración de cinco minutos e a primeira tempada consta de 55 episodios. Pódense seguir desde a plataforma dixital xabarin.gal, así como na aplicación Xabarín da TVG. Igualmente está dispoñible para os sistemas iOS e Android en móbiles e en smart tvs.
O proxecto non só consta desta serie de debuxos, engádese a dispoñibilidade das cancións na plataforma de streaming de Spotify, unidade didáctica para a práctica educativa e contémplase que máis adiante poida ser tamén un espectáculo en vivo.