O 8 de maio de hai 41 anos tiña lugar unha das mobilizacións ecoloxistas máis importantes da historia galega: a marcha de Baldaio. Aquela manifestación de máis de 5.000 persoas esixía a devolución aos veciños e veciñas de Baldaio da praia e da marisma, que estaban a ser explotadas por unha areeira. Malia a contar só cunha concesión marisqueira, os concesionarios estiveron varios anos extraendo area de forma irregular e impedindo que os veciños puidesen acceder ao areal. 41 anos despois daquela marcha que se cobrou ducias de feridos e ata unha vítima mortal, o concello de Carballo rende homenaxe a esta loita e a todas as persoas que ao longo dos anos defenderon Baldaio. Hoxe, neste complexo natural protexido, aínda se poden ver algunhas das pegadas daquel pasado.