O Big Sound Festival será, segundo o Concello, "o maior evento musical que se fai na Boa Vila"

cultura
26 de novembro 2024

Promovido e organizado por PlayPlan, a cita celebrarase os días 11 e 12 de xullo, e contará coa participación de Nicky Jam, Omar Montes, Tanxugueiras ou Amaia

Reunión do alcalde cos promotores do Bigsound Festival Mónica Patxot

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este martes, 26 de novembro, unha xuntanza cos organizadores e promotores do Big Sound Festival 2025, que será "o maior evento musical que se fai na Boa Vila", segundo sinalou o edil de Cultura, Demetrio Gómez.

Celebrarase en Pontevedra os días 11 e 12 de xullo, contando coa participación de artistas coma Nicky Jam, Omar Montes, Amaia, Tanxugueiras, Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y el Dandee, Depol, Julieta, Marc Seguí, María Escarmiento ou Ptazeta e ata dez máis que aínda non foron anunciados.

O rexedor lembrou que o festival chegará o vindeiro ano logo de varios meses de traballo e negociacións entre todos os axentes implicados para a escolla de Pontevedra. Celebrarase no parque situado na antiga Tafisa.

Fernández Lores sinalou que o Big Sound Festival, que comeza o día de San Bieito, será unha "actividade máis dentro do verán pontevedrés", funcionando como unha cita alternativa "a todas as que programan desde o Concello de Pontevedra".

"É un programa privado que complementa a oferta habitual e só podemos darlles a benvida a Pontevedra e moita sorte e éxitos no que está por vir", dixo Lores.

Berta Domínguez e Jordi Lauren promotores do Big Sound Festival   Mónica Patxot

Pola súa banda, Jordi Lauren, da promotora PlayPlan, explicou que a escolla de Pontevedra "non foi unha casualidade", senón que se procurou dar cun espazo urbano "icónico", dar cunha imaxe concreta "onde o festival se integre coa cidade".

O Big Sound comezou na cidade de Valencia no ano 2021, no 2024 expandiuse tamén a Sevilla e para o vindeiro ano 2025 chegará á cidade do Lérez. "Non é só un evento que se celebrará en Pontevedra, senón que convivirá e deixará pegada na cidade", explicou.

"É un reto, realmente é un reto, construír un evento destas características e dimensións", engadiu o pontevedrés Jordi Lauren.