Versións e/ou adaptacións cinematográficas

23 de decembro 2024

Hai obras literarias latinoamericanas que marcaron, e moito o meu xeito de entender a literatura. Este mes están de moda dúas delas, "Pedro Páramo" de Juan Rulfo e "Cien años de soledad" de Gabriel García Márquez.

A culpa é da plataforma de "streaming" Netflix que, neste mes de novembro presentou a adaptación, en película e serie, das obras. Tanto os libros como as películas comezan con dous parágrafos inesquecibles. O "Pedro Páramo" empeza:"Vine a Comala porque me dijeron que acá vivía mi padre, un tal Pedro Páramo. Mi madre me lo dijo. Y yo le prometí que vendría a verlo en cuanto ella muriera. Le apreté sus manos en señal de que lo haría, pues ella estaba por morirse y yo en un plan de prometerlo todo" .No caso de "Cien años de soledad": "Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo". Lin "Pedro Páramo" e "Cien años de soledad" varias veces e, de cando en vez, volvo a ler. Como galego criado na aldea entendín moitas das cousas que se contan neses libros. Na miña casa, e na dos veciños, era normal oír falar dos mortos, das ánimas, dos aparecidos, da Santa Compaña, das supersticións. Cando os lin atopei algo familiar. O realismo máxico dos autores vivíao de cativo nos falares da xente maior no inverno con días curtos, arredor dunha mesa, cun café de pota, e alumeados nunha penumbra que daba un verme de luz da lámpada de 125 watios, nunca acadaou tal intensidade. Neses faladoiros conversábase de todo, dos ausentes, dos mortos, das ánimas. "Pedro Páramo" é unha novela non fácil. Escura. É unha novela de mortos, nun pobo morto. As ánimas son as que viven por alí, nun lugar de fame e morte. "La muerte no se reparte como si fuera un bien. Nadie anda en busca de tristezas" dinos Juan Rulfo. As ánimas veñen e van, a Santa Compaña sen san Andrés de Teixido, ánimas dos que morreron en pecado. En Comala todos están en pecado e todos son ánimas. Ata o que narra está morto. En Macondo está o mundo das supersticións e da maxia, da guerra, da liberación, das matanzas. Do xitano Melquíades e toda a descendencia Buendía. Mais ese Macondo non é o Macondo da miña cabeza, é o Macondo da serie. Aí a dificultade de levalos á pantalla.

Tiña claro que cando falamos de adaptación de libros ao cinema case intuímos o fracaso. Son moitas as adaptacións que non acadaron o pretendido. Fai pouco lin que Brad Pitt loitou para adaptar ao cine unha das, para min, mellores novelas españolas do século XX. Falo de "Tu rostro mañana" de Javier Marías. O escritor deixara constancia en artigos, e escritos, que non lle gustaba que coa súa obra se fixeran adaptacións ao cinema. Quedara moi descontento da versión que de "Todas las almas" fixera Gracia Querejeta en "El último viaje de Robert Reynols". O asunto acabou nos tribunais e retirando o nome de Javier Marías dos títulos de crédito. No canto do cine español podemos falar do bo labor de Mario Camus con dúas obras. "La Colmena", baseada na obra do mesmo título deCamilo José Cela, e "Los Santos Inocentes" da obra de Miguel Delibes. Tamén José Luis Cuerda, coa inestimable axuda do gran guionizador Rafael Azcona, chega a transmitir na película "A Lingua das Volvoretas" o sentido de contos de "Que me queres amor" de Manuel Rivas. Adaptar ao cine un libro é moi difícil. Hai que estar na cabeza do autor. Unha misión que parece imposible. Hai cineastas que saben as súas limitacións como foi o caso de Jean-Claude Carrière e Luis Buñuel. Namorados da obra "Bajo el volcán", deMalcolm Lowry, rexeitaron a oferta dúas veces, Buñuel dicía que "non atopaba unha película detrás do libro".

Vin as dúas adaptacións, ou versións. Recoñezo que me crea unha relación amor – odio que non sei cal domina máis en min. Seguramente sexa un problema meu. O ter lido tantas veces as obras acaban creando nun situacións, paisaxes, e, mesmo, personaxes que aos velos en imaxes non concorda co que a nosa cabeza tiña referente. Hai cousas que me cansan. Outras sorpréndenme. Outras no me gustan como é o caso de tanta narración, ou voz en "off", de "Cien años de soledad", que lee anacos do libro tal cal, para poder seguir o fío condutor, parece que non teñen recursos cinematográficos para poder facelo. "Pedro Páramo" xa o tiña visto outra versión no cine, obra do galego exiliado en México Carlos Veloque a realizou con fotografía de GabrielFigueroa e guión de Carlos Fuentes (1967). Aquela película en branco e negro que poñía sempre, cada dous anos, cando fun director do "Cine-club Marcos da Portela" de Lugo, tampouco me convencía. Parecido ao que me pasa agora con esta versión. (pódese ver completa en https://www.youtube.com/watch?v=XEWv2DU2XO8 ).

Pola contra teño que recoñecer que hai moitas cousas boas nestas adaptacións. No caso da película de "Pedro Páramo" nótase moito que o seu director Rodrigo Prieto foi director de fotografía, en concreto de moitas das películas de Martin Scorsese e de Barbie. Tamén a man do guionizador español Mateo Gil vese ao intentar ser fiel ao escrito por Juan Rulfo, o que non pasa na película de Carlos Velo. Debo recoñecer o traballo das actrices e actores que fan cribles as palabras. Xiros e matices moi ben interpretados. Para min destacan Dolores Heredia, como Eduviges Dyada, e Manuel García-Rulfo, como Pedro Páramo, sen esquecer o histrionismo de Roberto Sosa no papel de Padre Rentería. Quizais a escena máis complexa do universo de pantasmas de Rulfo sexa a do incesto de Donis e a súa irmá, onde termina Juan Preciado co Ella (Yoshira Escárrega) tendo conversas confusas ata converterse en lodo.

Si "Pedro Páramo" foi película "Cien años de soledad" é unha serie de dúas tempadas divididas en oito capítulos cada unha, é dicir que aínda falta por ver unha tempada. A adaptación, ao igual que en "Pedro Páramo" é fiel ao escrito, a serie tamén o é. Ten a garantía dos directores que fan os capítulos. Rodrigo García, fillo de "Gabo", Alex López e Laura Mora Ortega representan, penso que ben, o realismo máxico e a historia de Colombia. Adaptar esta novela imposible(?) está feita con moita exactitude, sentido da cronoloxía. Vese que parece feita cun cheque en branco, que había medios para facelo. Arquitectura colonial, cana brava, e barro, moito barro. Moita vestimenta, moitos actores. É unha mostra do Caribe colombiano. Tamén do seu son. Moito traballo, ben coordinado.

Son consciente que unha adaptación dunha obra literaria non deixa de ser a versión de quen a fai. Aínda que lles vexa moitas cousas positivas a estas adaptacións eu sempre preferirei o libro, iso non quita que volva a ver estas versións, aínda falta unha tempada de "Cien años de soledad". Non son ningún experto no tema, esta é a miña versión, como dixo o meu admirado pianista de jazz, e gran improvisador, Thelonius Monk sobre as críticas de xente allea: "escribir sobre música é como bailar sobre arquitectura".