Ventana indiscreta: Serei breve

02 de novembro 2023

Respectado e admirado Sr. Alcalde de Pontevedra:

Non serei eu quen minusvalore o seu gran traballo como rexedor dun Concello que é un referente a nivel nacional e internacional. Ademais, saiba vostede que coñecéndoo paréceme unha persoa agradable e cun gran sentido do humor.

Pontevedra é un exemplo en moitas cousas, pero hai dous que, desde o meu punto de vista, teñen unha marxe de mellora importante. Unha delas como todo o mundo sabe é a limpeza, mesmo no centro onde tamén habería que buscar unha alternativa para “ocultar” os contedores. Se te afastas un pouquiño de alí atopas todo tipo de vexetación. Arbustos, sucidade. Algunhas beirarrúas están colonizadas polas enredaderas ou por diferentes especies que dificultan o movemento ou poden facer que un resbalón cause un accidente.

Xa sei que moitas veces os cidadáns non colaboramos (chicles, cigarros, papeis, plásticos, cacas cans…), pero iso non pode xustificar que os responsables do Concello non estean á altura das circunstancias. Outras cidades máis grandes ou máis pequenas fano. Pasee vostede polas rúas perfumadas de Vitoria ou valore a posibilidade de implementar o sistema de recollida de lixos porta a porta que xa funciona en cidades europeas e españolas (Oviedo, Girona…). Hai estes e outros moitos exemplos que nos poden servir de referencia para dar outro salto importante na calidade da nosa cidade.

Igualmente, sempre me chamou a atención o mal coidados que están os xardíns e glorietas. Evidénciase unha falta de agarimo e de ganas de excelencia. Nin tan sequera querer facer as cousas un pouco mellor. Calquera rotonda nos diferentes pobos de Galicia está mellor que as nosas. Como ideas para emendar esta deficiencia propóñolle dúas. Temos a escola de cantería que exportou as súas obras ao exterior e, que podería facer que as nosas glorietas impactasen aos visitantes. Somos tamén un dos lugares do mundo mundial con máis superficie de camelias, todas elas dun gran colorido e perfectas para plantar. Tanto as esculturas como as camelias deberían de ter un tamaño e distribución adecuados ás esixencias da seguridade viaria.

Sen máis que engadir, agradeceríalle que aceptase esta suxestión e, , despídome non sen antes felicitarlle polo seu traballo e darlle as grazas por estar aberto a escoitar as inquietudes dos veciños e veciñas.

 

@novoa48