Na procura do tesouro de Castrodiz

19 de decembro 2024

Nos vindeiros días, por feliz iniciativa dos comuneiros de Castro do Medio, un equipo de arqueólogos escavará o emblemático xacemento de Castrodiz

Transcorridos case douscentos anos da fundación do concello de Cerdedo, o 16 de decembro de 2024 dará comezo a primeira prospección arqueolóxica "legal" levada a cabo neste territorio. Como sabemos, as mámoas, e non só, levan sendo "prospectadas" pola calada dende tempo inmemorial. Para o noso cómputo de sondaxes, non se tomou en consideración o "tapa-tapa" do xacemento do lugar dos Castros (Quireza) –Roda do Castro e Castro de Abaixo–, efectuado no ano 2008, pois, as "casiñas redondas" apareceron –vaia por Deus!– por mor das obras de ancheamento e asfaltado do vial que atravesa o poboado.

Daquela, se nada o impide, a vindeira semana o castro de Castrodiz (GA36011001, data de catalogación: 2001; 631 m de alt.), fito de deslinde das parroquias cerdedesas de Castro e Figueiroa, comezará a desvelarnos os seus segredos. A xornada de traballo do día 16 será a primeira das cinco que a empresa Tempos Arqueólogos ten previsto investir no xacemento (vestixios da Idade do Ferro e de época medieval), tarefas que se levarán a cabo pola tenaz iniciativa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Castrodiz (Castro do Medio). Estamos tan devezosos que catro xornadas nos parecen poucas, mais, como di o refrán: Quen nunca tivo porco e chega a un ranchiño, currichiño, currichiño! Parabenizamos os comuneiros de Castro do Medio pola súa perseveranza e aprecio polo propio e desexámoslle ao persoal de Tempos Arqueólogos todo o éxito e a fortuna do mundo. Se non hai novidade e sen pretender empecer o labor, dedicaremos un destes días para achegármonos polo selleiro cotarelo.

Querendo poñer os lectores en contexto, convén dicir que, até o momento, o desinterese amosado polas sucesivas autoridades locais verbo do patrimonio arqueolóxico de Cerdedo foi manifesto. Verbigracia, nin na antiga web do concello de Cerdedo nin na nova web da componenda fusionada se lle dedica unha soa entrada a este particular. A desinformación e o descoñecemento camiñan á par. Ao respecto da inmobiliaria prerromana, é abraiante que nesas webs non se consignen os quince sitios arqueolóxicos habitacionais ou rituais inventariados na Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (Ed. Morgante, 2009), catálogo de referencia á hora de elaborar aquel PXOM cerdedés de 2014: o propio Castrodiz (parroquia de Castro), o castro de Arén, o Castro Grande e o Castro Segón (Cerdedo), o castro de Vilar e a Roda da Ameixoada (Figueiroa), o castro das Cercas, o castro do Pego e o Coto da Roda (Parada), a Roda do Castro, o Castro de Abaixo, os Castrelos e o Castriño (Quireza), o castro de San Cibrán e o Coto do Castro (Tomonde). Dos enumerados, o Castro Grande (no monte do Seixo) e o Castro Segón nomean probabelmente atalaias roqueiras; mentres que a Roda da Ameixoada e o Coto da Roda designan dous henges ou curros neolíticos (eu prefiro nomealos "cuspedriños"). A Roda da Ameixoada, o Coto da Roda, os Castrelos, o Castriño e o Coto do Castro foron dados a coñecer polo colectivo Capitán Gosende ao longo destas últimas décadas.

Cartel anunciador dos labores arqueolóxicos.Calros Solla

En conclusión, segundo o parecer da autoridade, no eido arqueolóxico o territorio de Cerdedo non tería nada que ofrecer, porén, como vimos demostrando, achado tras achado, descuberta tras descuberta, publicación tras publicación, esa consideración é absolutamente errónea.

Sexa como for, valla o artigo de hoxe para celebrar a boa nova da chegada dos arqueólogos á parroquia de Castro e, ao tempo, arrequecer e adobiar o patrimonio material do sitio que vai ser escavado coas achegas do patrimonio inmaterial que, sobre Castrodiz e no pasar dos anos, fomos recollendo en Cerdedo.

Vexamos. O medelo de Castrodiz é compoñente esencial do universo poético de Xosé Otero Espasandín. Nado no ano 1900 no lugar de Castro do Medio, Otero Espasandín foi mestre, divulgador científico e poeta; tamén republicano –voluntario das Misións Pedagóxicas– e por tal, vítima do franquismo. Padeceu un exilio sen retorno, falecendo en Bethesda (Washington) no ano 1987.

Cata 1. Vestixios dunha posíbel vivenda circular.Calros Solla

En 1942, durante a súa estadía de seis anos na Arxentina, Otero Espasandín compuxo o poema "Pico de Castrodiz", paradigma da saudade do expatriado. Valaquí uns versos: Castrodiz, castro amigo / en terras de Cerdedo: / Nacín á túa veira, / soñei coas túas lendas sendo neno ...Di, vello castro: é certo / que cando todos dormen / ó son do canto dos regueiros, / ouces o son do mar, / os rezos do teu veciño o Seixo? ... Castrodiz, rexo castro de celtas / en terras de Cerdedo ... Pídoche, Castrodiz, dende esta terra / envellecida nova, metro e medio / de chan pra cando morra...

Experimento un arroubo inefábel cada vez que leo ou recito este poema: a paisaxe da infancia, o paraíso perdido, a heroica celtidade, a exaltación do noso, a conxugación do monte do Seixo e Castrodiz, as nosas montañas máxicas; a derradeira vontade do bardo... O colectivo Capitán Gosende, conxurándose contra a desventura, obrou xustiza poética e, en 2016, inaugurou o seu Campo das Laudas (Lugar da Memoria nas Raposeiras-Meilide) fincando un primeiro monólito na honra do esquecido Otero Espasandín: "metro e medio de chan pra cando morra". Desvívese este humilde escribán por xerar da nada os alicerces simbólicos (Portalén-monte do Seixo, Campo das Laudas, Aldea Vella de Vichocuntín, roteiro Sarmiento, roteiro da Pantalla...), para que actúen de antídoto contra tanto desleixo institucional e tanta destrución orquestrada polo poder. Entrementres, o pobo bea arrebañado.

Dixo G. Dumézil: "O país que non teña lendas está condenado a morrer de frío; pero o pobo que non teña mitos xa está morto".

Prosigo, pois, reproducindo o anotado para Castrodiz e o seu acervo mitolóxico nos diversos volumes da colección Cerdedo in the Voyager.

Na sobredita Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (páxs. 19-24), no capítulo da Idade do Ferro, atopamos unha entrada dedicada a Castrodiz que principia cunha copla xeolocalizadora:

A Conla mira pró Campo (Campo Lameiro), / Pedrouzos pra Forcarei, / o Seixo mira pra Ourense; / Castrodiz no medio, o rei.

Cata 2. Vestixios do parapeto da croa do castro.Calros Solla

A croa do castro, denominada Eira dos Mouros, é privilexiado escenario dos avatares da nosa xínea mítica: a solsticial galiña dos pitos de ouro, o pote ateigado de moedas de nobre metal enterrado pola mouramia e cuxo paradoiro atopará unha cabra espurriñadora, a arca de ouro e a fatídica arca de alcatrán que todo o abrasa...

Na Eira dos Mouros bailan as bruxas no abrente de San Xoán. Dende alí, tamén na alborada do 24 de xuño, pódese ver bailar o sol cando agroma por detrás do Seixo: Mañanciña de San Xoán, / mañanciña a máis garrida, / pois baila o sol cando nace / e ri cando morre o día.

As entrañas de Castrodiz son ouro aquilatado: Castrodiz, se te minaren, enriqueceríase toda España! Di unha cantiga popular: Debaixo de Castrodiz / hai un caixón con diñeiro; / casa comigo, meniña, / e partirémolo ao medio.

O finado de Manuel Monteagudo (Historia de Santa Baia de Castro, 2007, páxs. 17 e 18), cronista da súa parroquia, engadiría: ...O da muller que pola noite monta a súa tenda ao aire libre, saíndo os mouros dos seus soterrados para mercar, pero se se acerca algún cristián por alí e lle pregunta: Que vale esa tesoiriña? Vale para cortarche a ti a lingua [...] Contábame meu avó Clemente que os mouros baixaban a bañar os cabalos nos Aviosos (no río de Quireza), supoño que tamén se bañarían eles. Contábame miña tía Obdulia que había un outeiro cunha inscrición que dicía: "Dame la vuelta y verás". Seica se xuntaron os homes do pobo, foron darlle a volta á pedra, encontrándose outra inscrición que dicía: "Gracias a Dios que la vuelta me has dado, que ahora descanso por el otro lado" [...] pola noite, no Coto levantaban tendas os mouros que estaban metidos nas cavernas. Os mouros dedicábanse a mercar, logo volvían prós seus cubículos; tamén había uns homes xigantes facendo de vixiantes, tamén os había ananos [...] o meu amigo Xosé, chamado o do Crego de Abelaíndo, máis tarde foi gardarríos; pois ese amigo, facendo un burato en Castrodiz para plantar un piñeiro, atopou unha moeda cunha inscrición romana [...] creo que esa moeda non estaba soa.

O propio Monteagudo afirma que os castrexos –xa non, os mouros– e os seus animais beneficiábanse da auga da Fonte da Crica, cuxo illó gurgulla a poñente de Castrodiz. E ademais, subliña: Mirade se Castrodiz é un punto estratéxico que cando a guerra mundial, notificáronlles a todos os veciños do concello para que acudisen cos seus carros cantareiros a Cerdedo, onde estaban uns militares para tomar nota. Pois estes carros tirados polas vacas marelas, en caso de que España entrase en guerra, servirían para subir os canóns ao Seixo, Conla e Castrodiz. Vaia carros de combate! Probes das vacas e mais dos que irían con elas! (páxs. 80-1).

Ao parecer, no alto de Castrodiz, áchanse os vestixios dunha fortaleza medieval, derrubada cando a revolta irmandiña (séc. XV).

N’O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (Ed. Morgante, 2012), atondamos uns apuntamentos verbo dun prodixioso espécime botánico: "A flor máxica da aldea de Castro":

Hai unha flor en Castro / que é ben chamada orquilla, / ten a tinta do viño, / ten o zume da vida; / sae no inverno á xiada, / sae, e non se "marchita".

A voz "orquilla", flor misteriosa lembrada pola cantiga, puidera ser unha variante popular de orquídea e, en particular, a Dactylorhiza maculata (L.), especie tamén coñecida popularmente por "satirón" (de sátiro, semideus caracterizado pola súa lascivia), "satirón apigarado" (polas nódoas aviñadas: ten a tinta do viño) ou "collóns de can" (polos tubérculos radicais) ... A nosa orquídea agroma, como non podía ser doutro xeito, nas lombas de Castrodiz, catedral montesía do paganismo (vellos ritos dos labregos) cerdedés.

Segundo se destila dos versos, a "orquilla" ofréndalle ao ser humano o zume da vida, é dicir, as súas propiedades curativas e, outrosí, afrodisíacas, de aí, cecais, as súas outras denominacións: "satirón" e "collóns de can" (páx. 42).

N’As pedras da tribo. Retrincos II (Ed. Morgante, 2014), baixo o título "Castrodiz, rexo castro de celtas en terras de Cerdedo", lemos:

Consonte testemuños recadados, en Castrodiz, unha porta de pedra –a Pedra do Mouro ou Cabeza do Mouro– pecha a entrada da Cova dos Mouros. Xacando, impelidos ao éxodo, os nosos míticos antepasados gardaron o cadal no seo da peneda, mais, celosos do seu, aconchegaron volumoso callimbro para preservalo da cobiza humana.

A Cabeza do Mouro, selado acceso ás galerías castrexas.Calros Solla

O lugar é doadamente identificábel, pois, como levaba anotado, o rei mouro labrou o perfil da súa face na lousa canceleira. O ar sarraceno do busto exemplifica a identificación popular dos nosos mouros, seres mitolóxicos, cos mouros do norte de África. Hai quen ve no penedo o mapa da península Ibérica.

Recoñezo que, fronte ao rostro petrificado, berrei aquilo de "Ábrete, sésamo!", por se for acaída a fórmula de Alí Babá, mais non obrou marabilla.

A fabuloso relato non ten fin. Uns afirman que as entrañas de Castrodiz son de ouro de moito quilate: "Castrodiz, se te minaren, enriqueceríase toda España!". Outros aseguran que no recóndito da cova, acaroadas, áchanse dúas arcas: unha, acugulada de ouro; a xemelga, de alcatrán explosivo. De estoupar o chapapote, a detonación levantaríalle os cangos ao mesmo inferno. Outros, que as paredes da palafurna están adobiadas con pinturas rupestres... (páxs. 139-40).

A maiores, un apuntamento verbo da francesada: Chegados o domingo día 30 (de abril de 1809) á freguesía de Castro, os franceses préndenlle lume á parroquial de Santa Baia e, na aldea de Filgueira, á capela da Virxe dos Remedios. Con certeza, os veciños que puideron procuraron agocho no coto de Castrodiz (páx. 209).

En É ruín porque o fan. Retrincos VI (Ed. Morgante, 2024), no artigo intitulado "Cerdedo, axis mundi", escribiuse a xeito de sinopse:

Estabelecendo a estrema entre as parroquias de Castro e Figueiroa érguese o picouto de Castrodiz, vértice omnipresente na paisaxe cerdedesa ao norte do Lérez: "A Conla mira pró Campo, Pedrouzos prá Forcarei, o Seixo mira pra Ourense; Castrodiz no medio, o rei". Sitio arqueolóxico da Idade do Ferro, fortaleza medieval. Parnaso do poeta Otero Espasandín. Durante a II Guerra Mundial houbo intención de instalar no cumio unhas baterías para protexer a España franquista do avance aliado. Os canóns ían ser transportados en carros do país. Dende a Eira dos Mouros –a croa do castro– até a fonte da Crica (poleiro da galiña dos pitos de ouro), dirección sudoeste, existe un pasadeiro soterrado polo que os mouros baixan abeberar os seus cabalos. Dende a Eira dos Mouros até a fonte Manfreo, dirección noroeste, esténdese un filón de ouro que, de cadora en cando, unha cabra descobre coa súa esparruñada. Outros engaden que na ponte do Cando (no río Quireza), dereitiña pola rodeira, a roda do carro toca na veta do ouro. Entre os penedos do alto é perfectamente distinguíbel a chamada Cabeza do Mouro. Sabéndoa esconxurar, a pena rousa nos gonzos e deixa expedita a entrada á cova na que os mouros abandonaron ricos e escusados haberes (páxs. 368-69).

O picouto de Castrodiz.Calros Solla

No libro O pote do ouro. Novas de tesouros na Galiza (Ed. Morgante, 2022), no capítulo "Andrómenas de tesouros", lemos:

O albeite de Castro do Cabo, que tiña susenia polas troitas, anoaba na sedela unha culleriña de ouro nas ás e xemas no bico do anzol –engado infalíbel–, obxecto detraído dos aforros que os mouros de Castrodiz somerxeran na Fonte da Crica. En verdade, somerxer, somerxeron o que a cabra do Castro folgou na espurriña, que moitos eran os pegureiros que a tiñan de vela (páxs. 112-13).

Abonda por hoxe. Apenas enumerar outros sitios arqueolóxicos sitos na redonda de Castrodiz por máis lustre: o gravado rupestre do Outeiro do Mestre (GA36011002), o gravado rupestre da Lomba de Castrodiz (atopado polo colectivo Capitán Gosende en 2015; sen catalogar), o gravado rupestre do Lombo da Serpe (achado polo C. Capitán Gosende en 2019; se catalogar), o cromlech de Filgueira (dado a coñecer polo C. Capitán Gosende en 2024)...

Desexamos que, por moito que a mítica cabra de Castrodiz tape cunha pata o que destapa coa outra, o refulxir do tesouro dos mouros esperte en Cerdedo a consciencia de nós mesmos. Ábrete, sésamo!