A primeira pedra do cruceiro do Hío púxose en Cerdedo

15 de outubro 2024
Actualizado: 11:11

​​​​​​​Os motivos labrados por Ignacio Cerviño nas caras do pedestal do cruceiro do Pego (Parada) reprodúcense no cruceiro do Hío

Óese por aí que no tocante á autoría do sublime cruceiro do Hío (Cangas) existen dúas correntes de opinión: os que defenden o cicel do cotobadés Xosé Cerviño García (Augasantas, 1843-1922), e os que, pola contra, lle atribuímos a súa feitura á mestría do seu veciño e parente Ignacio Cerviño Quinteiro (Augasantas, 1834-O Porriño, 1905). Dígolles que non existe tal dicotomía.

Os que se obstinan en prol da intervención de Xosé Cerviño fano sen acreditar documentación ningunha, apelando tan só á forza da tradición oral, que no seu caso equivale apenas ao ruxerruxe ou ao falar para a feira. Nin tan sequera poden apelar á arbitraxe de Castelao, pois en As cruces de pedra na Galiza (1950), o de Rianxo amentou un "Calviño" como autor da escultura. Esta errónea asignación non desmerece en absoluto o esforzo investigador de Castelao, tan monumental coma os cruceiros que enxalza, senón que invalida a única referencia documental argüída polos que se obstinan en negarlle a Ignacio Cerviño o pan e o sal.

Xa no século XVIII, a corrente ilustrada –que nos levantou das patas de diante– instaba a analizar o consuetudinario á luz da razón, en troco de parapetarse tras dunha tradición consolidada por séculos de imposición e escurantismo: "Sapere aude", convídanos dende aquelas o filósofo I. Kant.

Criticaremos pois a tradición sempre e cando vexamos nela unha carga que se soporta sen outra razón que o pasado. Asumiremos a razón como a capacidade de adquirir coñecementos coa experiencia e a investigación. Tanto é así que non teremos inconveniente en rectificar o que haxa que rectificar asemade se nos presenten datos obxectivos que refuten non unha corrente de opinión, senón o cúmulo de evidencias que a día de hoxe sinalan Ignacio Cerviño –o mestre Cerviño– como o autor, entre outras excelencias, do cruceiro do Hío.

A autoridade local quizais o descoñeza, mais para os que en Cerdedo defendemos a valía e a preservación do noso patrimonio histórico-artístico, a figura de Ignacio Cerviño sérvenos para ostentar o cruceiro do Pego (parroquia de Parada) ao considerármolo a obra xeratriz do cruceiro do Hío. Eríxese o cruceiro do Pego –hogano, vandalizado e abandonado– como escultura predecesora, xa que, como explicaremos, o mestre Cerviño labrou nela motivos orixinalísimos, que despois reproduciría na súa obra cimeira.

1. Fotografía do cruceiro do Pego (Parada), tras os traballos de limpeza efectuados polo colectivo Capitán Gosende en 2012.

Xa en 2012 –hai unha ducia de anos–, no artigo "A labra precursora de Ignacio Cerviño" (Faro de Vigo, 7-10-2012; ídem, As pedras da tribo. Retrincos II, 2014, páxs. 41-54) defendiamos coa bibliografía necesaria que, en 1859, con 25 anos –e probabelmente xa antes–, Ignacio Cerviño residía en Cerdedo. En agosto do ano 59, Cerviño casa coa cerdedesa Ramona Beiro Mosquera. O 3 de novembro de 1860 nace en Cerdedo a súa primeira filla, Vicenta Cerviño Beiro, que será bautizada na parroquial de San Xoán. Ese mesmo ano e dende Cerdedo, Ignacio Cerviño e mais a súa familia trasládanse a Madrid, para el se matricular na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. O investigador Anxo Coia ("Aproximación á vida e obra de Ignacio Cerviño", Tabeirós-Montes, 3-12-2017) emprega este particular para salientar que non estamos diante dun diletante, senón dun profesional que, dotado dunha innata xenialidade e avezado no oficio coa cuadrilla de seu pai –o mestre canteiro Antonio Cerviño–, aspiraba a perfeccionar a súa técnica e a súa arte nunha institución de acreditado prestixio. O propio Coia ("O dilema da autoría do cruceiro do Hío", blog A Illa dos Ratos, 8-4-2022) documenta que, en 1852, sete anos antes, a Antonio Cerviño se lle adxudicara a construción da bóveda central da igrexa do Hío. Non debera resultar difícil atar cabos.

2. Fotografía do anverso da cruz do cruceiro do Pego (Parada), obtida por Reimóndez Portela.

Consonte a documentación achegada por Rodríguez Fraiz (Canteiros e artistas de Terra de Montes, 1982, páx. 455), o reitor de Parada-Castrelo encárgalle a Ignacio Cerviño a feitura do cruceiro do Pego. En marzo de 1859, o párroco abóalle a cantidade de 400 reais polo choio. En maio do ano seguinte, o cura entrégalle outros 200 reais, procedidos de la echura del crucifijo y demás recomposiciones del mismo crucero del Pego. Intuímos que este segundo pago viña satisfacer o derradeiro prazo da débeda ou remunerar unha temperá restauración do cruceiro, abatido quizais polos temporais na invernía do ano 59.

3. Fragmentos da cruz do cruceiro do Pego (foto de X. Carballo).

Neste senso, convén saber que o cruceiro de Ignacio Cerviño non era o primeiro que se erixía anexo á ermida do Pego, pois en 1651 –208 anos antes–, Xoán Bouzas Beiro canteiro-escultor de Meilide (Cerdedo) materializa a encarga do por aquel entón crego de Parada-Castrelo: por quanto junto y arriba de la hermita de Ntra. Señora do Pego es muy necesario de acerse un crucero de piedra con sus baras y escultura, y en el acer una imaxen de Cristo y Imaxen de Ntra. Señora de la Soledad y otras cosas. Taxouse a encomenda en 50 ducados. Segundo consta en documentación de 1859, os servizos de Ignacio Cerviño foron requiridos para substituír o cruceiro de Xoán Bouzas, despezado por mor dun vendaval (Faro de Vigo, 2-11-21; ídem, É ruín porque o fan. Retrincos VI, 2024, páx. 178).

Coincido con Anxo Coia en que o fuste actual do cruceiro do Pego puidera non ser da fábrica de Ignacio Cerviño, senón reaproveitamento do tallado por Xoán Bouzas no século XVII. Agora ben, non teño dúbida de que, atendendo as evidencias que até este momento manexamos, o crucifixo e o pedestal son legado de Ignacio Cerviño. O varal do cruceiro do Pego, enfeitado coa imaxe do santo Antonio e asignado a Bouzas Beiro remítenos –consonte os documentos– ao primitivo cruceiro da parroquial de Cerdedo (En que el dicho Juan de Bouças a de azer el dicho crucero de piedra y la coluna del a de ser como la del crucero de Cerdedo con la imaxen del Sr. San Antonio en medio de dicha coluna...; Rdez. Fraiz, páx. 66), substituído en 1900 polo actual de Xosé Ferreiro e en paradoiro descoñecido.

Por desgraza, en 2001, o crucifixo do cruceiro do Pego veuse ao chan, ao parecer, por unha frustrada tentativa de roubo. Algúns fragmentos da cruz gárdanse nunha casa particular da aldea da Insua (Parada) á espera dunha conxunción astral que lle devolva a integridade.

Xa que logo, ao agocho da fraguiza do Pego, consérvanse hogano a plataforma, o pedestal, o varal e o capitel. Cando menos, o pedestal, o capitel e a cruz son obra de Ignacio Cerviño.

Poño arestora a atención no pedestal, pois esta peza é clave para confirmar a miña hipótese: Se Ignacio Cerviño é o autor dos motivos que ornan as catro caras do pedestal do cruceiro do Pego, Ignacio Cerviño é o autor do cruceiro do Hío.

Para argumentar a miña teoría, reproduzo o xa publicado en As pedras da tribo (páxs. 45-47): "Tanto o cruceiro do Pego coma o cruceiro do Hío enfeitan o seu baseamento con escenas bíblicas. Nas catro caras frontais do pedestal cúbico do cruceiro do Pego, en mediorrelevo, represéntanse catro pasaxes de cando os nosos Primeiros Pais sucumbiron á tentación: 1) Adán e Eva, ledos, no Paraíso (cara leste) 2) O demo gaioleiro (cara norte) 3) A serpe enrodelada na maceira (cara oeste) e 4) A parella amosando vergoña e contrición tras cometer o pecado orixinal (cara sur). O pedestal do cruceiro do Pego é un cómic de pedra narrado en catro viñetas.

4. Cara 1 (leste) do pedestal do cruceiro do Pego.

Na escena primeira, Adán e Eva, mimetizados coa edénica matogueira, cóllense das mans. Na escena segunda, o demo rabilongo brande ameazante unha guincha (a figura perdeu a cabeza e os brazos). Na escena terceira, o demo, mudado a cobra, cingue a árbore da ciencia (a figura perdeu a cabeza, mais conserva o picado das escamas). Na escena cuarta, Adán e Eva amosan pesar polo pecado cometido (a figura de Eva perdeu o antebrazo dereito, co que cobre os seos), coa man esquerda agocha a crica; Adán oculta a pixa coa man dereita. Válense ambos de cadansúa folla de parra.

No cruceiro do Hío, nun dos catro fornelos da base, represéntase a Eva aceptando a mazá que lle ofrece a diabólica serpe e, noutro, a Adán no intre da fatídica deglución; ambos os dous, a carón da árbore do ben e do mal, ateigada da gorentosa froita prohibida.

Tanto o Adán e a Eva do pedestal do cruceiro do Pego (escena 1) coma o Adán e a Eva dos fornelos basais do de Hío disimulan a súa nudez inocente tras a fronde do Paraíso, resolta en circunvolucións de pureza.

Así mesmo, tanto o Adán do pedestal do cruceiro do Pego (escena 4) coma o Adán (exento) do fuste do cruceiro do Hío levan unha man, a esquerda, á cabeza. As Evas ocultan os seos co brazo. Tanto en Cerdedo coma en Cangas, a parella loce longos cabelos.

5. Cara 4 (sur) do pedestal do cruceiro do Pego.

A figura do Adán que bota unha man á cabeza en sinal de arrepentimento é un tópico iconográfico xa anticipado, verbigracia, polo miniaturista do Códice Emilianense (século X) para a capitular "L"; polo escultor Wiligelmo, nos baixorrelevos da fachada da catedral de Módena (século XII); ou por Fra Angélico, no retablo "A Anunciación" (século XV), conservado no Museo do Prado.

Outras posturas adánicas características, reproducidas polos nosos canteiros, son as de levar as dúas mans á cabeza, ás dúas mans ás partes pudendas, ou ben unha man á colloada e a outra á gorxa (bocado, castaña, mazá ou noz de Adán).

6. Edícula sur do pedestal do cruceiro do Hío.

Consonte os expertos, o aceno de Adán o erixe cabeza da humanidade pecadora, fronte a Cristo, cabeza da humanidade redimida. Pola súa banda, o pobo entende que Adán, coitado, leva a man a cabeza porque é consciente das consecuencias do seu acto, ou tamén, porque, perdida a súa calidade inmortal, experimenta por vez primeira a dor física. Entendámonos, Adán, desterrado do Paraíso, estrea a súa mortalidade cunha cefalea.

7. Edícula oeste do pedestal do cruceiro do Hío.

O chapitel do cruceiro do Pego enféitase con catro anxos alados e follas de acanto. A mesma composición, aínda que máis elaborada, se pode admirar no chapitel do cruceiro do Hío".

Malia que menos refinados, os orixinalísimos motivos labrados en 1859 por un Ignacio Cerviño de 25 anos nas caras 1 e 4 do pedestal do cruceiro do Pego (a matogueira pudorosa e o Adán que bota a man esquerda á cabeza) foron trasladados con requinte trece anos despois ao sobrepedestal e ao fuste do cruceiro do Hío por un Ignacio Cerviño de 38 anos, tras pasar pola Real Academia de San Fernando (1860 e ss.) e deseguido vincularse física, espiritual e laboralmente a Cangas e ao Hío. Ignacio Cerviño, casado en segundas nupcias, bautiza unha filla no Hío en abril de 1872 (Coia, A.: "A identidade do mestre Cerviño", Faro de Vigo, 30-6-2024).

8. Eva e Adán no fuste do cruceiro do Hío.

Esta vinculación ao territorio transcende a tradición oral e concrétase en abondosa obra feita. Lembremos que durante o período 1866-1879, amais do cruceiro do Hío (1872), Ignacio Cerviño e a súa cuadrilla tallan en madeira 24 figuras, cerna e reclamo da Semana Santa canguesa: a Mesa dos Apóstolos (Santa Cea); o san Xoán, a Verónica, as Tres Marías, o Francisquiño da Ferramenta, o Carnasedo (centurión trompeteiro), o Nazareno, Simón o Cireneo, os dous Carallotes (Procesión do Santo Encontro ou dos Carallotes) e o Cristo do Descendemento, a súa obra cumio en madeira (Iglesias, B. & Gil, M.: "A Semana Santa de Cangas", blog A Illa dos Ratos, 21-3-2024). Súmenselles o mausoleo do Ranqueta (1873), a bóveda da parroquial de Coiro (1887), a escultura da Fonte de Santiago (1890)...

Xaora, Ignacio Cerviño merece do pobo de Cangas xa non un "recanto", senón unha ampla avenida, facéndose no presente 190 anos do seu nacemento e 119 do seu pasamento. Pola mesma, o cruceiro do Pego e o panteón das Capitás deberan en Cerdedo depararlle ao mestre Cerviño honra e recoñecemento.

9. Sinatura e selo do escultor Ignacio Cerviño.

O selo inconfundíbel de Ignacio Cerviño perdura no cruceiro do Pego –obra de xuventude– e na quintaesencia do desencravo do Hío. Este pormenor a canda o inmenso e esclarecedor traballo de investigación de Anxo Coia (continuador dos estudos de E. Eiroa e E. Fdez. de la Cigoña) axúdanme a constatar que Ignacio Cerviño puxo en Cerdedo a "primeira pedra" do cruceiro do Hío. Mente aberta, investigación e observación; non hai outro camiño. Papeis calan barbas.

Atrévome finalmente, nun alarde de autocrítica, a pór en cuestión os meus apontoados argumentos. Se efectuadas as visitas de contraste aos devanditos cruceiros –desestimando considerar o feitío dun escultor incipiente ou o alto grao de deterioro das esculturas–, alguén conclúe que as figuras basais do cruceiro do Pego non son da autoría de Ignacio Cerviño, afirmo co mesmo fundamentado orgullo de persoa comprometida co patrimonio de noso que o cotobadés Ignacio Cerviño achou inspiración no traballo do cerdedés Bouzas Beiro, copiando os modelos do pedestal do cruceiro do Pego na composición do cruceiro do Hío. Por fas ou por nefas, as evidencias son esmagadoras.

Ignacio Cerviño –o mestre Cerviño–, escultor en pedra e madeira, baixote, cara larga y trigueña, morre no Porriño á idade de 71 anos en loanza de multitudes (Galicia, A Habana, 26-11-1905).

Reflexione a autoridade local. Gárdese de asistir a aquelarres ou ao parto dos montes e promova en Cerdedo –por exemplo– a celebración da Romancha do Arjina, continuación daquela Festa do Canteiro cerdedesa dos anos 70. No Hío, van pola terceira edición (Memorial Ignacio Cerviño) e os de Capitán Gosende somos tratados con moito agarimo e deferencia. Nesta festa de exaltación do gremio da pedra, o libro O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011) sempre esgota as existencias; en Cerdedo, nin consta na biblioteca pública.

Reflexione a autoridade local, e fágase o necesario para que en breve prazo poidamos ver restaurado o cruceiro do Pego. Oreta en pinzas, domine nostre.