Manifesto: A cidadanía ten dereito a coñecer

29 de xuño 2020
Actualizado: 18 de xuño 2024

Estas eleccións, convocadas en tempos difíciles e en cumprimento da lei, danse en condicións extraordinarias de loita contra a pandemia. Todas as opcións que concorren buscan protexer a saúde. Temos tamén a oportunidade de que Galicia sexa un exemplo de democracia, pluralidade e transparencia

Estas eleccións, convocadas en tempos difíciles e en cumprimento da lei, danse en condicións extraordinarias de loita contra a pandemia. Todas as opcións que concorren buscan protexer a saúde. Temos tamén a oportunidade de que Galicia sexa un exemplo de democracia, pluralidade e transparencia.

 

As candidaturas que na actualidade non están no Parlamento, non van dispoñer, en condicións de normalidade, das súas principais ferramentas para chegar ao electorado: mesas de propaganda, repartición de folletos nos mercados, nos barrios… mitins, charlas e debate.

 

Todas as galegas e os galegos temos o dereito a coñecer directamente as propostas das diferentes candidaturas. As eleccións son unha das máximas expresións da democracia. Pero non pode existir unha democracia plena sen pluralidade política, sen información que permita decidir conscientemente o voto.

 

E para iso deben tomarse medidas que aseguren a pluralidade política, a igualdade, o dereito á información e á liberdade de expresión, amparados na Constitución e a Lei Electoral.

 

PRIMEIRO. Para que se cumpran os principios de proporcionalidade, igualdade e neutralidade informativa, e ante a imposibilidade de facer valer os medios básicos de propaganda electoral, todas as candidaturas deben recibir un trato democrático, flexible e compensatorio nos medios de comunicación.

 

Non actuar así suporía unha inxustificada discriminación e vulnerar a pluralidade xurídica, privando a estas candidaturas da posibilidade de dar a coñecer á cidadanía os seus proxectos e ideas. Se o acceso aos programas electorais vese limitado, impídese coñecer en iguais circunstancias que ao resto e recórtase o lexítimo dereito á información.

 

SEGUNDO. A igualdade non consiste en tratar a todas as candidaturas por igual, senón en tratar a cada cal en atención ás circunstancias e necesidades particulares, a fin de que poidan acceder ás mesmas metas que o resto. Por iso débese favorecer o coñecemento por parte da cidadanía de todas as candidaturas, e poder celebrar unhas eleccións con todas as garantías constitucionais.

 

TERCEIRO. Non é esixible ao electorado que polos seus propios medios pescuden cales son os programas electorais das candidaturas, e máis nun momento no que a seguridade impide facelos chegar en condicións democráticas. Non dispoñer dunha distribución do tempo igualitaria, proporcional e compensatoria nos medios de comunicación, supón unha vulneración de dereitos.

 

Por todo iso, as e os abaixo asinantes esiximos un trato democrático, igualitario, proporcional e compensatorio nos medios de comunicación durante a campaña electoral para todas as candidaturas, tanto na cobertura, como nos debates e entrevistas. Porque para decidir, hai que coñecer en condicións democráticas.

 

Carlos Vázquez.

PACMA, Recortes Cero, Espazo Común, Os Verdes, Veciños Municipalistas, Por Un Mundo Máis Xusto, Escanos en Branco, Coalición de Centro Democrático, UPyD e Contigo Somos Democracia