Queremos denunciar publicamente, ante os medios de comunicación e as administracións competentes, a situación de abandono e mala xestión no servizo de reparto de correspondencia na parroquia de Cerponzóns. Esta problemática, que se prolonga no tempo sen solución, está a causar graves prexuízos aos veciños e veciñas da zona.
Un exemplo claro é o caso dunha veciña cuxa vivenda ten un número con letra, mentres que outra propiedade, situada a unha distancia considerable, comparte o mesmo número pero sen letra. Esta última casa está deshabitada e carece de número identificativo no portal, pero o carteiro correspondente entrega habitualmente a correspondencia neste buzón, sen comprobar que está abandonado. Pero temos moitas queixas, cartas destinadas a Pedre (Cerdedo) chegan aos buzóns das casas de Pidre, paquetes que non entregan, segundo o repartidor porque non hai ninguén na casa, pero si que hai.
Cartas que había que entregar en Leborei van aos buzóns de Meán, na Ermida están esperando unha certificada, noutro lugar da parroquia aínda están esperando a felicitación de Nadal…
Recentemente, unha veciña tivo que chamar a un directivo da Asociación de Veciños O Chedeiro para mostrar o estado da correspondencia que atopou: seis cartas de diferentes datas de entrega no buzón equivocado, todas cheas de suciedade, molladas e nalgunhas ocasións deterioradas. Algunhas cartas estiveran no buzón durante máis de seis meses, sendo entregadas polo propietario da vivenda deshabitada durante unha visita ocasional á súa propiedade.
Entre as cartas atopadas, algunhas non tiñan demasiada importancia, pero outras si resultaron prexudiciais para a afectada, como unha citación médica que levaba esperando ou unha multa de tráfico que, ao ser notificada tarde, non puido beneficiarse do desconto por pronto pago.
Estamos fartos desta situación. Sentímonos desprotexidos, desatendidos e impotentes ante a falta de solucións. Ver como o servizo de Correos segue funcionando tan mal día tras día provoca un profundo malestar entre os veciños.
Pedimos que se tomen medidas inmediatas para corrixir estas deficiencias, que se mellore o control no reparto e que se garanta o acceso á correspondencia de forma eficaz e segura e tamén, por parte do Concello se realice a nova sinalización das vivendas e lugares correspondente.
Non podemos seguir soportando esta deixadez que está a afectar a nosa vida diaria. Facemos un chamamento ás autoridades competentes e á empresa Correos para que poñan fin a esta situación lamentable na nosa parroquia.
AVV de Veciños de Cerponzóns